Debate sobre «Bajo el sol Jaguar» de Ítalo Calvino

Data
Martes, 31 de xaneiro de 2023
Horario
17.45h
Lugar
Ateneo de Santiago
Compartir

Os días 24 e 31 de xaneiro, ás 17.45h no local social do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra Bajo el sol Jaguar, de Ítalo Calvino.

Bajo el sol Jaguar é unha novela que Calvino comeza en 1972, co obxectivo de realizar un relato por cada un dos sentidos, quedando pendentes os do tacto e a vista. O libro comeza co relato El Nombre, La Nariz, no que o eixo central é o olfacto, e como este pode chegar ao pracer do corpo. O segundo, Bajo el sol Jaguar, dá nome ao libro. Calvino lévanos baixo os mundos do sabor, a través dun escritor que viaxa xunto a súa muller Olivia por México, coñecendo as súas ruínas arqueolóxicas e tamén a súa cociña, describindo cada un dos novos sabores que proban. O terceiro e último relato deste libro é Un Rey a la Escucha, maxistralmente narrado en segunda persoa, que nos presenta a un rei obsesionado polo poder, medorento de perdelo, que á vez obsesionase cos sons do palacio.

Italo Calvino (Santiago de Las Vegas, Cuba, 1923 - Siena, Italia, 1985) foi un xornalista e escritor italiano, principalmente de contos e novelas. Publicou a súa primeira novela animado por Cesar Pavese, quen o introduciu na prestixiosa editorial Einaudi. Alí desempeñaría un importante traballo como editor. De 1967 a 1980 viviu en París. Morreu en 1985 en Siena, preto da súa casa de vacacións, mentres escribía Seis propuestas para el próximo milenio. Coa lúcida mirada que o converteu nun dos escritores máis destacados do século XX, Calvino indaga no presente a través das súas propias experiencias na Resistencia, na posguerra ou desde unha observación incisiva do mundo contemporáneo; trata o pasado como unha xenealoxía fabulada do home actual e converte en espazos narrativos a literatura, a ciencia e a utopía.