Debate sobre «El país de los otros» de Leila Slimani

Data
Xoves, 15 de xuño de 2023
Horario
17.45h
Lugar
Ateneo de Santiago
Compartir

Os días 6, 13, 15 e 20 de xuño ás 17.45h no local social do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra El país de los otros, de Leila Slimani.

El país de los otros  conta a historia de Mathilde, unha moza que se namora de Amín Belhach, combatente marroquí no exército francés durante a II Guerra Mundial. Tras a Liberación, o matrimonio viaxa a Marrocos e establécese en Meknés, cidade na zona do Protectorado de Francia cunha importante presenza de militares e colonos. Mentres el tenta acondicionar a leira herdada do seu pai, unhas terras ingratas e pedregosas, ela sentirase moi pronto angustiada polo ambiente rigorista de Marrocos. Soa e illada no campo, co seu marido e os seus dous fillos, padece a desconfianza que inspira como estranxeira e a falta de recursos económicos. Os dez anos nos que transcorre a novela coinciden co auxe ineludible das tensións e violencia que desembocarán en 1956 na independencia de Marrocos. Todos os personaxes habitan en «o país dos outros»: os colonos, a poboación autóctona, os militares, os campesiños ou os exiliados. As mulleres, sobre todo, viven no país dos homes e deben loitar constantemente pola súa emancipación.

Leila Slimani (Rabat, 1981) é filla de pai marroquí e nai franco-alxerina. Ao terminar a súa formación no liceo francés de Rabat, márchase a París para matricularse no Instituto de Estudos Políticos e, posteriormente, na Escola Superior de Comercio, onde se especializa en medios de comunicación. Despois de exercer varios anos como xornalista en L’Express e Jeune Afrique, decide dedicarse por completo á literatura. Coa súa primeira novela, En el jardín del ogro (2014), onde aborda a adicción sexual feminina, recibe o recoñecemento unánime da crítica. Canción dulce, a súa segunda novela, consolida a carreira literaria de Slimani ao obter o Premio Goncourt 2016. En 2017 edítase en Francia o seu comprometido ensaio Sexo e mentiras. Actualmente é a representante francesa no Consello da Francofonía.

Próximos eventos Ver axenda