Mesa redonda «90 anos de radio en Compostela» con Aser Álvarez, Aida Pena e Xosé Ramón Pousa

Data
Luns, 30 de xaneiro de 2023
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Sociedade da Información
Compartir

O luns, 30 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda, organizada pola Sección Sociedade da Información, titulada «90 anos de radio en Compostela», que contará coa participación de Aser Álvarez, Xornalista e documentalista, Aida Pena, Xornalista de Cadena Ser, e Xosé Ramón Pousa, Profesor de Radio da USC.

Aser Álvarez González é Licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo e especialista en Comunicación Audiovisual. Mestrado de Xornalismo de El País, foi redactor e guionista na TVG e na Cadena Ser e gañou o premio ao mellor documental radiofónico no I Open Radio do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona. Dirixe Arraianos Producións e Ficrural e é membro da Academia Galega do Audiovisual e da Academia Española das Ciencias e das Artes da Televisión.

Aida Pena Meis desenvolveu a maior parte da súa carreira na radio, en concreto na Cadena SER. Nos inicios da súa carreira como xornalista traballou en Ondas Galicia e na emisora musical Los 40 Principales. A partir de setembro de 2000 foi a directora rexional de informativos de Radio Galicia (Cadena SER). Ademais da dirección de informativos, presentou os espazos La ventana de Galicia e Hora 14 Galicia, onde realizaba unha entrevista semanal a algún personaxe destacado de Galicia. Xubilouse a finais de 2022 do seu posto na SER, logo de 40 anos de profesión, 32 deles nesta emisora en Galicia.

Xosé Ramón Pousa Estévez doutorouse en Ciencias da Información pola Universidade Autónoma de Barcelona (1995) coa tese «El Sistema Radiofónico en Galicia» e é profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela dende 1996, onde imparte as asignaturas de «Comunicación e Información Audiovisual» e «Radio Dixital» e onde foi Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación entre 2014 e 2022. Na súa longa carreira profesional foi redactor-fundador do periódico semanal A Nosa Terra (1977-1979), redactor de La Voz de Galicia (1979-1993) e Director de Antena 3 Radio de Galicia (1990-1993). Como investigador, é membro do Grupo Novos Medios dende a súa fundación, no que ten dirixido e participado en proxectos de investigación con financiación pública estatal e autonómica relacionados co medio radiofónico, a programación e as audiencias. Autor de varios libros e artigos sobre o medio radiofónico, tamén é coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia e membro do plenario do Consello da Cultura Galega.

Próximos eventos Ver axenda