Conferencia «A economía do hidróxeno: mitos e realidades dun futuro certo» de Luis Miguel Varela

Data
Luns, 13 de febreiro de 2023
Horario
20.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 13 de febreiro, ás 20h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «A economía do hidróxeno: mitos e realidades dun futuro certo», que estará impartida por Luis Miguel Varela, Catedrático de Física da USC.

Luis Miguel Varela licenciouse en Física pola Universidade de Santiago e en Dereito pola Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED). Doutorouse en Ciencias Físicas (con premio extraordinario) pola Universidade de Santiago de Compostela, onde actualmente é catedrático do seu departamento de Física de Partículas (Área de Física da Materia Condensada) e ten sido Decano da Facultade de Física entre 2010 e 2018. A súa docencia céntrase en termodinámica, mecánica estatística, análise de datos estatísticos, Econofísica e Termodinámica de Enerxías Renovables mentres que as súas investigacións se ocupan da mecánica estatística de sistemas complexos, especialmente fluídos cargados complexos, e máis especificamente en líquidos iónicos, e en redes complexas e as súas aplicacións en epidemias, sistemas socioeconómicos, desenvolvemento interrexional, etc. En concreto, traballa nas propiedades de fluídos iónicos e ionoxeles como electrolitos avanzados para o almacenamento de enerxía electroquímica e eléctrica (baterías, supercondensadores, pilas de combustible, membranas de electrolizadores…) e tamén como medios activos en dispositivos fotónicos. Realizou contribucións no campo do almacenamento de enerxía térmica e dos fluídos térmicos e é inventor de varias patentes no campo dos dispositivos de captación de enerxía e materiais para aplicacións enerxéticas. Autor ou coautor de máis de 140 artigos, capítulos e monografías nestes campos, con máis de 120 comunicacións a congresos, dirixiu 10 teses doutorais e máis de corenta teses de grao e máster e coordinou proxectos rexionais, nacionais e europeos, contratos de investigación con industrias e coa Administración Pública, os programas de Máster en Física e Máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética da USC e o programa de Doutoramento en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética. Tamén coordinou a rede galega de Líquidos Iónicos e é presidente fundador da Sociedade Europea de Materia Iónica (www.web-esim.eu), que integra a máis de 60 investigadores de diferentes Universidades e Centros de investigación nacionais e europeos. Actualmente coordina o Grupo de Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda da USC e é membro das principais plataformas europeas sobre baterías (Batteries Europe, Battery 2030+), asesorando á Xunta de Galicia sobre a estrutura e perspectivas do sector do almacenamento de enerxía. Do mesmo xeito, é fundador do Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial (SPERTUS), que integra especialistas das máis variadas disciplinas (ciencias, enxeñería, economía, dereito, seguridade, cultura e humanidades…) nos diferentes aspectos da captación, almacenamento, transporte de enerxía e eficiencia enerxética, xerente da Asociación Galega do Hidróxeno e vicepresidente da rede Silkway de universidades para as relacións Europa-Asia en materias como a enerxía e o desenvolvemento sustentable, promovida polas Universidades de Milano-Bicocca e Santiago de Compostela e composta por investigadores de universidades europeas e asiáticas.

Próximos eventos Ver axenda