O venres, 21 de abril, o Ateneo de Santiago realizará unha visita á Fundación Xosé Neira Vilas, co seguinte programa:

16.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

16.30h. Visita guiada á Fundación Neira Vilas. 
Fundación situada na parroquia de Gres, onde naceu e residiu o escritor Xosé Neira Vilas. A Fundación componse de Centro Cultural, Biblioteca, A Casa do Romano, Museo Etnográfico e Sala de Actos. A parte etnográfica contén arredor de 300 pezas ordenadas por temas: fogar, apicultura, proceso do viño, carpintería, escola, cultivos, etc.
Tempo aproximado: 1 h. 

17.30h. Visita ao contorno natural e patrimonio. 
Percorrido guiado por Nataly da Asociación Cultural Agarimo, de Piloño, Vila de Cruces.
Ínsulas de Gress, onde conflúen os ríos Ulla e Deza.
Monólito de Neira Vilas.
Río Ulla e Ponte romana.
Tempo aproximado da visita: 40 min.

18.30h. Viño e merenda – Casa da Capela.

20.00h. Regreso á Rúa da Rosa de Santiago de Compostela.

O prezo da viaxe é de 20€ por persoa, incluíndo autobús, viño, merenda e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 10€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o domingo, 16 de abril, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Xosé Neira Vilas, (1928 – 2015), foi un narrador, ensaísta, periodista e poeta en lingua galega. Emigrou a Bos Aires en 1949, alí alternou o traballo coa formación autodidacta, sempre mantivo fortes vínculos con Galicia dende os centros da colectividade galega emigrante. Casou coa escritora cubana Anisia Miranda, filla de galegos e trasladouse a Cuba, onde desenvolveu labor literaria. Tras trinta anos en Cuba, xa xubilado, regresou coa súa muller a Galicia, para vivir en Gress, o seu lugar de nacemento, onde hoxe se encontra a Fundación que leva o seu nome. Como escritor, foi membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana. Tamén foi, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio) e fóronlle concedidas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
A súa obra sitúase dentro dun realismo social crítico. Galicia está presente na mirada de Neira Vilas nas súas experiencias da infancia e xuventude, a preocupación social e libre desenvolvemento da afectividade, cun linguaxe directo que desexa unha rápida comunicación co seu lector.
Memorias dun neno labrego (1961) é unha novela sinxela, nun linguaxe narrativo onde conta desde a visión dun neno – Balbino, reflexos da súa vida, somerxido nun mundo pechado, nunha aldea do interior de Galicia, que se ve obrigado a emigrar. Esta novela tivo un gran éxito e impacto popular, constituíndo un feito destacado na literatura galega.
Outras obras: Xente no rodicio – relatos (1965, Camiño bretemoso – Novela testemúñeo do home que emigra.(1967), Remuiño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977), Nai (1980), Querido Tomás (1980). Narrativa para nenos: Espantallo amigo (1971); O cabaliño de buxo (1971) e A Marela Taravela (1974). 

Próximos eventos Ver axenda