O sábado, 13 de maio, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Cambados, co seguinte programa: 

9.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

10.00h. Chegada a Cambados. Café.

10.30h. Percorrido panorámico en autobús por Cambados con parada nas ruínas de Santa Mariña. 
Construída sobre unha capela románica do s. XII e restaurada e ampliada a finais do XV, a igrexa de Santa Mariña Dozo é de estilo gótico mariñeiro con trazos renacentistas, constando dunha soa nave dividida por catro arcos transversais románicos, cinco capelas laterais, sancristía e capela maior. No seu interior destaca a decoración con bolas sobre os arcos e capelas, nas cales sobresaen as iconografías en relevo con escenas bíblicas. Os seus restos foron declarados Monumento Nacional no ano 1943 e o seu cemiterio, «o máis melancólico camposanto do mundo» en palabras de Álvaro Cunqueiro, é o cuarto galego e o primeiro da provincia de Pontevedra en pertencer á Asociación de Cemiterios Singulares de Europa (ASCE).

Percorrido guiado a pé polo casco histórico de Cambados. 
Comezando na Praza do Concello e rematando na de Fefiñáns, visitarase o Paseo da Calzada, o Parador, a Rúa Príncipe, a Praza de Asorey e a Casa natal de Ramón Cabanillas.
A vila de Cambados, lugar de nacemento de Ramón Cabanillas, está formada pola fusión de tres núcleos orixinarios: o señorial de Fefiñáns, o administrativo e comercial de Cambados e o mariñeiro barrio de Santo Tomé. Forma parte da Ruta do Viño Rías Baixas e conta cun valioso conxunto histórico-artístico monumental declarado Ben de Interese Cultural en 2001.

12.00h. Visita guiada ao Pazo de Fefiñáns-Gil Armada
O percorrido inclúe todo o interior e exteriores do Pazo. Entrando pola porta principal, visitaranse os catro salóns principais e a ala norte, onde se atopa a torre con vistas á ría de Arousa e unha perspectiva xeral de Fefiñáns. Posteriormente, saíndo pola solaina de pedra, veremos as fincas amuralladas, onde coñeceremos un dos viñedos de albariño máis antigos do Salnés, as hortas e árbores froiteiras do pazo, o bosque de especies autóctonas e a destilería artesá Gil Armada.
Declarado Ben de Interese Cultural en 2012, o Pazo é unha edificación do s. XVI de estilo renacentista, en forma de L, en cuxos extremos se poden apreciar os balcóns en forma circular. Encima dos dous portais da entrada atópanse os escudos heráldicos familiares, estando a parte oeste do edificio dedicado a Don Gonzalo de Valladares e a sur ao seu fillo, Don Fernando de Valladares, II Vizconde de Fefiñáns. No andar inferior están situadas as adegas de viño albariño con Denominación de Orixe Rías Baixas.

14.00h. Comida no Restaurante A Dos Piñeiros.

16.30h. Percorrido panorámico pola zona do porto e da Illa de San Sadurniño.
A Torre de San Sadurniño, un dos monumentos máis característicos de Cambados, foi un faro e unha atalaia que entroncaba coas existentes na Lanzada, Vilanova, Catoira e A Rocha e tiña a finalidade de anunciar por medio de luminarias a proximidade das naves normandas que se achegaban a Compostela. Construída durante o século VIII ou IX, considérase que se erixiu sobre outra edificación máis antiga de orixe fenicia ou romana, tendo sufrido varios ataques ao longo dos séculos (viquingos, Irmandiños) e sucesivas reconstrucións ata o século XVIII, cando foi danada polo terremoto de 1755.

17.00h. Visita guiada á Fundación Manolo Paz Arte Contemporánea. 
Espazo único en Galicia, que forma parte da ruta turística internacional de parques escultóricos. Está formado polo taller do escultor Manolo Paz e un museo con obras súas realizadas dende finais dos anos setenta ata a actualidade xunto con pezas doutros artistas e disciplinas, vehiculando a conservación dun dos mellores traballos artísticos desenvolvidos en Galicia nas últimas décadas. Situada nunha inigualable paraxe da comarca do Salnés, xunto ao estuario do río Umia, o terreo forma parte da concepción integral da escultura, potenciando o espazo natural e poñendo en valor a natureza.

20.00h. Regreso á Rúa da Rosa de Santiago de Compostela.

O prezo da viaxe é de 55€ por persoa, incluíndo autobús, xantar e visitas, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o domingo, 7 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Próximos eventos Ver axenda