Do 8 ao 10 de xuño o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe a Oviedo e arredores, co seguinte programa:

XOVES, 8 DE XUÑO

8.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago

MAÑÁ:

Visita á exposición «Salvador Dalí. Dibujar lo escrito» no Centro Niemeyer (Avilés)
Conxunto de máis de cen obras que nos achegan ao universo único de Dalí, cargado de imaxes oníricas que desenvolveu nas súas facetas como ilustrador e debuxante. É a partir dos anos trinta cando na súa obra empezan a tomar importancia as ilustracións, imprescindibles cando queremos coñecer en profundidade a capacidade creativa do artista.

Visita guiada ao Centro Niemeyer (Avilés)
Percorrido: Praza, Auditorio (vestíbulo e patio de butacas) e Cúpula.
Inaugurado en 2011, é a única obra en España do arquitecto brasileiro Óscar Niemeyer. O conxunto consta de cinco espazos: o Auditorio (elemento máis sobresaínte cos seus 26 metros de altura), a Cúpula (semiesfera de hormigón proxectado en cuxo interior destaca unha lámpada de forma redondeada deseñada polo propio Niemeyer, así como unha imponente escaleira helicoidal de gran valor plástico), o Edificio Polivalente (cunha estética en liña recta, conecta visualmente o Auditorio e a Cúpula), a Praza (espazo de 22.000 metros cadrados de conexión coa contorna e aberto ao público) e a Torre (con 20 metros de altura, posúe un acceso helicoidal exterior que se abraza sobre unha columna base para chegar ao elemento superior, un disco rodeado por ventanais, que acolle o restaurante).
Duración: 45 minutos.

Xantar no restaurante Casa Alvarín (Avilés)
Sidrería centenaria típica asturiana, de estilo rústico, no centro de Avilés.

TARDE:

Percorrido guiado polo casco antigo de Avilés
Urbe comercial, de orixe medieval e de gran tradición mariñeira, o seu casco antigo, declarado Conxunto Histórico Artístico, é un dos mellor conservados de Asturias, constituíndo unha mostra da arquitectura civil e relixiosa dende a Idade Media ata hoxe en día con palacios, xardíns, fontes, igrexas, casas porticadas, etc.

Paseo guiado polo Cabo Peñas e a súa contorna
Punto máis setentrional de Asturias, está coroado dende 1852 polo Faro de Peñas, o máis importante e de maior alcance do litoral asturiano, dominando uns cantís de 100 metros de altura e tan afiados que semellan a proa dun barco.

Visita guiada a Luanco
Vila mariñeira, no seu casco histórico destaca a Torre do Reloxio, un dos escasos exemplos de arquitectura pública do século XVIII e que se utilizou como torre de vixía, cárcere e almacén. Conta tamén cun marabilloso paseo marítimo, onde ao final da praia de La Marina se atopa a Igrexa de Santa María, cuxo interior alberga o Cristo do Socorro que, segundo a tradición, salvou a uns mariñeiros luanquinos dun temporal no século XVII.

20.30h. Chegada a Oviedo e entrada no aloxamento Hotel NH Principado****

Cea libre

VENRES, 9 DE XUÑO

MAÑÁ:

10.00h. Visita guiada á Catedral de Oviedo
A Catedral de San Salvador é o centro do casco antigo. Dunha soa torre, levántase sobre a basílica construída por orde de Afonso II, "O Casto". Aínda que a maior parte da basílica é do século XV, debido ás súas numerosas reconstrucións, reúne diferentes estilos artísticos, predominando o gótico flamíxero. No seu interior destacan o retablo maior, unha das obras de maior beleza do gótico español; a Capela do Rei Casto, un dos espazos históricos máis importantes, que acolle o Panteón dos Reis; a Cámara Santa (século IX), de estilo prerrománico e declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; e o Claustro.

Percorrido guiado polo casco antigo de Oviedo
Oviedo conserva a impronta monástica e rexia do pasado e continúa sendo a primixenia referencia do Camiño de Santiago Primitivo. Fonte de inspiración para literatos como Clarín ou Pérez de Ayala, está especialmente pensada para o paseo, contando con múltiples rúas peonís. A visita incluirá lugares como a Praza do Carbayón e as letras de Oviedo, a Praza do Concello coa Igrexa de San Isidoro o Real, a Basílica de San Juan Real (cunha bomba da Guerra Civil sen detonar na súa fachada exterior), a rúa Gascona tamén chamada o boulevard da sidra, a Praza da Escandalera co Teatro Campoamor (sede dos premios princesa de Asturias), a fonte prerrománica de La Foncalada, algunhas das moitas esculturas que existen na cidade (A Regenta, Woody Allen...) ou a Praza e o Mercado del Fontán, lugar onde finalizará este percorrido.

Xantar na Sidrería Pichote (Oviedo)
Os seus cachopos foron merecedores do Premio Campión de Asturias nos anos 2017 e 2018.

TARDE:

Visita panorámica en autobús por Oviedo ata o Monte Naranco

Visita guiada aos monumentos do prerrománico no Monte Naranco
Santa María do Naranco, emblema do prerrománico asturiano co seu estilo artístico denominado arte asturiano ou "ramirense", aínda que foi unha igrexa entre o século XII e o primeiro terzo do XX, considérase que formou parte dun conxunto residencial palatino do monarca Ramiro I, quen ordeou a súa construción. De dous andares, cada un con tres dependencias, conta con grandes innovacións arquitectónicas e riqueza decorativa que adiantou varios séculos os obradoiros do gótico.
San Miguel de Lillo ou Liño, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985, foi no seu día unha basílica, que sufriu un derrubamento no século XI, deixando só en pé un terzo da construción. Destacan as celosías, así como a decoración escultórica das súas columnas, basas e capiteis, aínda que o máis importante está nas xambas do pórtico, con figuras do circo romano. No seu interior aínda hai restos das pinturas decorativas orixinais.

Tempo libre

Cea libre

SÁBADO, 10 DE XUÑO

MAÑÁ:

9.00h. Saída de Oviedo.

Visita guiada ao casco antigo de Xixón con subida ao Cerro de Santa Catalina
Cimavilla, barrio histórico declarado Ben de Interese Cultural, é testemuña e protagonista dos acontecementos históricos máis significativos de Xixón. O barrio alto garda nas súas rúas monumentos e historias persoais de pescadores, cigarreiras, militares e artesáns, dende a época dos romanos. 
O Museo das Termas romanas alberga os restos dos baños públicos, ao estilo das termas pompeianas, onde se pode observar a sucesión de ambientes fríos, tépedos e cálidos así como as salas destinadas aos baños de vapor e unha serie de habitacións decoradas, ademais dos restos da muralla do século III d.C.
A este pasado romano súmanse os vestixios da nobreza de tipoloxía barroca (os Palacios Revillagigedo e Valdés, construído este último en 1570 sobre os alicerces da propia muralla, con dúas torres, un corpo central e unha capela no seu extremo esquerdo), a Casa Natal de Jovellanos, a capela dos Remedios (de finais do XVI, onde repousan os seus restos), o Cerro de Santa Catalina (coa escultura vangardista de Chillida «Elogio del horizonte»), a Colegiata de San Juan Bautista ou a Casa Paquet, entre outros.

Percorrido panorámico en autobús pola costa xixonesa ata o Mirador da Providencia no Cabo San Lorenzo
Este mirador lembra á proa dun barco e ofrece unhas das mellores vistas da cidade de Xixón. O Cabo San Lorenzo é o gran promontorio natural que pecha a fortaleza xixonesa polo leste, contando cunha contorna privilexiada: o outeiro do corvo, a explanada da Providencia ou as vistas dende o Alto do Infanzón, entre outros.

13.00h. Visita guiada ao Museo da Mina de Arnao
Conxunto de patrimonio mineiro máis emblemático de España, situado nunha privilexiada paisaxe costeira, constituíndo a explotación de carbón mineral máis antiga da Península Ibérica, o pozo vertical máis antigo de Asturias e a única mina submarina de Europa. Pechada en 1915, o seu castillete de madeira, Ben de Interese Cultural, e as súas galerías subterráneas (século XIX), con preto de douscentos anos, permiten revivir o ambiente dunha mina primitiva.
Recoméndase roupa de abrigo.

14.30h. Xantar na Sidrería El Cruce (Soto de Barco)
Nesta Sidrería sérvese a "Mellor Fabada do Mundo 2020".

Despois de xantar, saída para Santiago con parada en Luarca, a vila branca da costa verde.
Hora prevista de chegada: 20.30h-21h.

O prezo da viaxe roldará os 300€ por persoa en habitación dobre, cun suplemento de 60€ para as persoas que non sexan socias do Ateneo. 
O prezo inclúe:
   - Autobús
   - 2 noites no Hotel NH Principado en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo
   - 3 comidas en grupo
   - Entradas das visitas
   - Guía
O prezo non inclúe:
   - Ceas.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o domingo, 21 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. Aqueles que sexan admitidos deberán ingresar o importe da visita antes do prazo que se lle indique no mail de confirmación.

 

MENÚS:

Casa Alvarín (Avilés):
          Embutidos ibéricos
          Pastel de cabracho caseiro
          Pementos do piquillo recheo de carne vermella e verduras
          Prato principal (a elixir):
                    Pescada da rula de Avilés á cazola
                    Bacallau "club ranero"
                    Entrecot de tenreira asturiana dos vales
                    Carrilleiras de porco ibérico de bellota guisadas
                    Solombo de porco ibérico de bellota con setas e pementos
                    Cachopo Alvarín
          Sobremesa: torta tiramisú
          Café
          Chupito
          Bebidas: Rioja tinto crianza ou branco de Rueda, auga, sidra...

Sidrería Pichote (Oviedo):
          Táboa de embutidos ibéricos, queixos asturianos e xamón a coitelo
          Cachopo Campión de Asturias 2017 I.X.P. Con xamón recebo, queixo nata, frixuelo, espárrago e queixo peñamellera
          Cachopo Campión de Asturias 2018 I.X.P. Con asturcelta, queixo nata, queixo afumado, frixuelo e boletus
          Sobremesa: Tortas caseiras e xeado de Verdú
          Bebidas: Viño Cote de Hayas Roble, sidra, sangría

Sidrería El Cruce (Soto de Barco):
          Entrantes: ensaladilla de marisco e calamares fritos (frescos)
          Prato principal (a elixir):
                    Fabada
                    Rolo de bonito de temporada
          Sobremesa (a elixir):
                    Arroz con leite
                    Torta da avoa
          Pan
          Bebidas: cervexa, Rioja da casa ou viño branco, auga
          Café

Próximos eventos Ver axenda