Mesa redonda «Cambó e Galicia» con Borja de Riquer, Ramón Villares e X.M. Núñez Seixas

Data
Luns, 23 de outubro de 2023
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Sociedade da Información
Compartir

O luns, 23 de outubro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda, organizada pola Sección Sociedade da Información, titulada «Cambó e Galicia», na que participarán os historiadores Borja de Riquer, Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas.

Borja de Riquer licenciouse en Historia pola Universidade de Barcelona en 1968. En 1969 comezou a dar clases como profesor na Universidade Autónoma de Barcelona, onde é catedrático de Historia Contemporánea dende 1988. Durante a súa mocidade militou en Bandeira Vermella.​ É especialista en historia española e catalá dos séculos XIX e XX. Entre as súas obras sobre o catalanismo político atópanse Lliga Regionalista, la burgesia catalana i el nacionalisme (1898-1904), El último Cambó, 1936-1946, La tentación autoritaria ou "Escolta Espanya": la cuestión catalana en la época liberal. Tamén abordou a historia de Cataluña e a ditadura de Franco.

Ramón Villares licenciouse en Filosofía e Letras, pola rama de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela en 1973. É doutor en Historia dende 1980 e foi presidente do Consello da Cultura Galega dende o ano 2006 ata 2018. Deu clases de Historia Económica no Colexio Universitario de Vigo, e en 1987 converteuse en catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do Consello Editorial de Marcial Pons Ediciones de Historia e pertence ao consello asesor de revistas como Ayer, Historia Social, Hispania, Ler Historia ou Perspectivas Históricas e Estudios Migratorios. No ano 2021 foi nomeado Profesor Emérito da USC.

Xosé Manoel Núñez Seixas estudou Historia, focalizado na especialidade de Historia Contemporánea, na Universidade de Santiago de Compostela e na Université de Bourgogne de Dijon. Foi investigador doutorando no Instituto Universitario Europeo de Florencia, onde se doutorou, no ano 1992, en Historia Contemporánea. Foi profesor titular da USC dende 1994 e, dende 2007, catedrático. Forma parte dos consellos de redacción das revistas Historia Social e Passato e Presente. Ademais, dende 2018 é Vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Está especializado no estudo comparado dos nacionalismos europeos e ibéricos nos séculos XIX e XX, así como nos estudos migratorios e na historia cultural da violencia no século XX. 

Próximos eventos Ver axenda