BIBER, AS SONATAS DO ROSARIO. Virtuosismo e devoción (MUSIca ALcheMIca)
- Data
- Mércores, 25 de outubro de 2023
- Horario
- 20.00h
- Lugar
- Salón Teatro
- Máis información
Entrada individual: 10€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión
BIBER, AS SONATAS DO ROSARIO
Virtuosismo e devoción
MUSIca ALcheMIca
LINA TUR BONET violín / dirección
Salón Teatro
Mércores 25 outubro 2023
20.00h
Versátil, sensible e activa violinista de crecente prestixio, Lina Tur Bonet e o seu conxunto Musica Alchemica, presentan unha desas obras únicas na historia da arte, as Sonatas do Rosario, compostas por Heinrich Ignaz Franz von Biber no Salzburgo do século XVII e das que non houbo novas durante máis de dous séculos. As singulares e prodixiosas Sonatas do Rosario son o máis representativo do amplísimo repertorio legado aos violinistas por Biber, un compositor cuxo virtuosismo, ao servizo de elevados ideais artísticos e humanos, está afastado do exhibicionismo; e son tamén unha mostra do amplísimo coñecemento dos recursos expresivos e técnicos do seu instrumento por parte dun autor que, como intérprete de violín, gozou dunha fama que transcendeu fronteiras e foi considerado por moitos o primeiro virtuoso do violín. Lina Tur Bonet é tamén unha desas artistas cuxa fama traspasa fronteiras, desenvolvendo unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítelle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, sempre con instrumentos orixinais e tendo estreado obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solista á interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente, sendo reclamada como solista e para dirixir orquestras de primeira orde dende o seu violín por todo o mundo. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.
PROGRAMA
Heinrich Ignaz Franz von Biber (1644-1704)
Rosenkranzsonaten
(Sonatas do Rosario)
Misterios Gozosos
Sonata I en re menor: A Anunciación, C 90
Praeludium - Aria - Variatio - Adagio
Sonata II en La maior: A Visitación, C91
Sonata - Allemanda - Presto
Sonata IV en re menor: A presentación no templo, C 93
Chacona
Misterios Dolorosos
Sonata VI en do menor: A agonía de Xesús na horta de Getsemaní, C 95
Lamento - Adagio - Presto - Adagio
Sonata IX en la menor: Xesús coa cruz ás costas, C 98
Sonata - Courante - Double - Final
Sonata X en sol menor: A Crucifixión e morte de Xesús, C 99
Praeludium - Aria - Variatio
Misterios Gloriosos
Sonata XIV: A Asunción da Virxe, C 103
[Praeludium] - Aria - Gigue
Passacaglia en sol menor para violín só: “O Anxo da Garda”, C 105
Adagio - Allegro - Adagio
MUSIca ALcheMIca
Ensemble creado pola violinista Lina Tur Bonet durante a súa estancia en Viena, debutou en Vila Musica Mainz e no Festival de Potsdam coa ópera Alessandro de Haendel, baixo a dirección de Alan Curtis. Recoñecido internacionalmente grazas ás súas premiadas gravacións, nace da idea de interpretar músicas de todos os tempos, así como para abordar proxectos multidisciplinares e pedagóxicos. A súa actividade desenvólvese entre Europa, América e Asia e conta nas súas filas con grandes intérpretes internacionais, conformando un verdadeiro grupo de solistas. MUSIca AlcheMIca ten actuado en Musashino Hall Tokyo, Potsdamer Festspiele, Early Music San Petersburgo, Auditorio Nacional de Música de Madrid, Festival Pórtico de Zamora, Sala da Música do Palazzo di Spagna de Roma, Cappella della Pietà dei Turchini de Nápoles, Teatro Cervantes de Londres, Brecize Festival de Eslovenia, Música Antiga de Zaragoza, FIAS de Madrid, auditorios de Valladolid, Castellón e Tenerife, Fundación Juan March, Semana de Música Antiga de Álava, Brunnenthal Festival, Sala da Radio ORF de Viena, Teatro Carlos III de El Escorial, FeMAP, Kartause Mauerbach Viena, Festival de Mahón, Festival de Chiquitos en Bolivia, nos Festivais de Música Antiga de Santiago de Chile, Lima e Panamá, etc. As gravacións de MUSIca AlcheMIca foron cualificadas como “mellor versión”, no caso do opus V de Corelli, pola BBC; “referenciais” as Sonatas do Rosario de Biber para a revista Gramophone; “recomendados” os seus “inéditos” de Vivaldi pola Bayerische Rundfunk, SWR ou a Kulturradio Berlin; varias voltas 5* e Diapason d’Or para La Bellezza, etc. Os seus rexistros discográficos inclúen seis premiados compactos para Pan Classics. MUSIca ALcheMIca foi gravado en vivo por RTVE e pola televisión xaponesa NHK, retransmitíndose en toda Asia. Tamén gravaron música de Legrenzi, Biber, Bach e Haendel para a radio austríaca ORF. Conxunto multidisciplinar, MUSIca ALcheMIcaten colaborado co poeta Antonio Colinas en La Tumba negra (homenaxe a J. S. Bach) ou co artista Ángel Haro en Follia en residencia artística do Centro Párraga e actúa en importantes museos e espazos culturais como o MuVIM, Matadero de Madrid ou o MACE, onde MUSIca ALcheMIca integra técnicas audiovisuais coa súa música en colaboración con videoartistas, pintores, cineastas, actores, ourives e monicreques. Tamén ten colaborado en proxectos educacionais internacionais en Panamá e Bolivia, impartindo clases maxistrais e compartindo escenario con novos músicos. Lina Tur Bonet estreou en Tokio Far Water para violín e cantante de Teatro Noh, dedicada a ela polo compositor José María Sánchez Verdú, como parte dunha residencia artística. Os vídeos de MUSIca ALcheMIca gozan de grande aprecio polo seu carácter artístico e innovador, entre os que cómpre salientar o realizado en Viena co produtor Michael Seeber coa Sonata a Kreutzer de Beethoven e o da Follia de Corelli, presentado en Roma, Londres e RTVE con grande éxito.
LINA TUR BONET violín
Considerada pola prensa internacional polo seu virtuosismo (“Fiery virtuoso”, The Strad; “True Devil Violinist", Bayerische Rundfunk; “Superbement joué, flamboyante Lina”, Diapason) combinado cunha excepcional musicalidade (”honest and heartfelt music-making”, Gramophone; ”the violinist of the soul", Sankei Shinbun), Lina Tur Bonet desenvolve unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítelle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, dende Monteverdi até Kurtag, sempre con instrumentos orixinais. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solistaá interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente da música, sendo reclamada en todo o mundo como solista e por agrupacións de primeira orde. En Lina Tur Bonet conflúen as máis importantes herdanzas musicais, incluíndo aos pioneiros do historicismo e tamén a algúns dos directores e intérpretes máis consagrados da música de todos os tempos, converténdose así en depositaria da gran tradición europea. Galardoada cunha ducia de premios e bolsas nacionais e internacionais, entre eles cómpre salientar o Premio Bonporti.Realizou primeiras versiónsde abundante música española (tríos op. 34 de Boccherini, música de Brunetti, Montali ou Reynaldi), de obras para violín só de Matteys, Boxberg e Leo e incluso dos compactos con música descoñecida de Antonio Vivaldi, así como varias pezas dedicadas a ela de compositores contemporáneos. A súa gravación do opus V de Corelli, con ornamentacións propias, alzouse como “recommended top-version”de entre todas as versións existentes, segundo a BBC Radio 3 no seu programa Record Review Building a library, e as súas Sonatas do Rosario de Biber foron cualificadas de “referenciais” por Gramophone, France Musique e Scherzo. Tamén teñen sido recomendadas as súas gravacións de inéditos de Vivaldi pola Bayerische Rundfunk, SWR, Radio Berlín e nas radios española e austríaca. Recibiu, ademais, o recoñecemento Joker de Crescendo polo seu compacto La Bellezza, dous PremiosGEMA á mellor gravación en 2015 e 2018, 10/10 para Luisterco seu disco dedicado a Ravel e foi dúas voltas Diapason d’Or por La Belleza e por Biber Sonatas 1681. Ten interpretado a integral das Sonatas do Rosario en Tokio, Madrid, Granada e Viena; foi concertino en máis dun cento de Cantatas de Bach e das súas Paixóns, incluíndo a Paixón segundo San Mateo no Concertgebouw de Ámsterdam con Concerto Köln. Estreou obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix e ten interpretado, como solista, concertos e obras de Vivaldi, Bach, Mozart, Beethoven, Brahms, Ravel, Chausson, Mendelssohn, Bartok e Piazzolla, con orquestras de cámara e sinfónicas, dentro e fóra de España. Foi invitada do Festival de Montreal para interpretar a integral da obra para violín só de J. S. Bach. Tanto Lina Tur Bonet como o seu grupo MUSIca ALcheMIca foron artistas residentes do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) na tempada 2021-2022. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca, dirixe orquestras dende o seu violín por todo o mundo e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.