Debate sobre «Recuerdos del futuro» de Siri Hustvedt
- Data
- Martes, 24 de outubro de 2023
- Horario
- 17.15h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
O martes 10 de outubro ás 17.30h e o 24 de outubro ás 17.15h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra Recuerdos del futuro de Siri Hustvedt.
En Recuerdos del futuro unha escritora consagrada que traballa nas súas memorias redescobre os vellos diarios do seu primeiro ano en Nova Iork, a finais da década de 1970. Corenta anos despois daquilo, esas notas e diarios sérvenlle para reflexionar sobre temas como o paso do tempo, o desexo ou o papel da muller na sociedade, así como para constatar que son os recordos do pasado os que en gran medida conforman quen seremos no futuro.
Siri Hustvedt, Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Columbia, é unha aclamada autora de novelas e ensaios polos cales obtivo o Premio de Libreiros de Québec e o Femina Étranger (Todo cuanto amé) así como o Premio ao mellor libro de ficción de Los Ángeles Times (El mundo deslumbrante). Tamén recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras en 2019, o Gabarron International Award de pensamento e humanidades en 2012 e foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Oslo en 2014. Doutora e conferenciante sobre temas de psiquiatría na Facultade de Medicina Weill Cornell de Nova Iork, colabora regularmente en The New York Times e Psychology Today.