Debate sobre «Ninguén queda» de Brais Lamela
- Data
- Martes, 12 de decembro de 2023
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
O martes, 12 de decembro ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Ninguén queda de Brais Lamela.
Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960. Os pisos de estudantes no estranxeiro, as comunas que emerxen dos restos dos encoros e os personaxes ensimesmados que acumulan fragmentos de tempo esquecido conflúen nun relato sobre a existencia do fogar en circunstancias límite; un relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.
Brais Lamela Vilalba (Lugo, 1994) viviu en Galicia ata os dezasete anos, cando marchou ao colexio de Duino, preto de Trieste (Italia) a cursar o bacharelato internacional durante dous anos. Posteriormente formouse en literatura comparada e historia nas universidades de Cambridge (Reino Unido) e Brown (Estados Unidos) grazas a varias bolsas de estudos. Como escritor foi galardoado con premios literarios como os Minerva, o Ánxel Casal e o Xuventude Crea. Actualmente, cursa un doutorado en literatura na Universidade de Yale, onde tamén exerce a docencia. Ninguén queda é a súa primeira obra publicada.