Visita guiada á Biblioteca e Convento de San Francisco
- Data
- Mércores, 13 de decembro de 2023
- Horario
- 17.00h
- Lugar
- Convento de San Francisco
O mércores, 13 de decembro, ás 17.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á Biblioteca e ao Convento de San Francisco.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse previamente no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal, tendo preferencia de admisión as socias e socios do Ateneo. A data límite para anotarse é o domingo, 10 de decembro.
Fundado por San Francisco de Asís na súa visita a Santiago de Compostela en 1214, do edificio orixinal do Convento de San Francisco aínda se conservan cinco arcos góticos no claustro e o sepulcro de Cotolay, un pobre carboneiro encargado da súa construción, segundo conta a lenda descrita nunha inscrición no muro da entrada principal. O actual templo barroco, declarado Ben de Interese Cultural, construíuse entre 1742 e 1749, sendo de gran simplicidade e pureza formal. Posteriormente unha reforma neoclásica retocou a fachada, que conta cunha imaxe de San Francisco realizada polo escultor Ferreiro. No atrio destaca o Monumento a San Francisco, concebido como un xigantesco cruceiro por Francisco Asorey, mentres que o claustro do convento é de principios do século XVII e está atribuído a Xácome Fernández.
A Biblioteca do Convento de San Francisco naceu no século XIII e xa dende os anos setenta dese século comeza a adquirir unha importante cantidade de manuscritos e libros sobre escritos teolóxicos, bíblicos, historia, artes e ciencias naturais. Durante o século XVI a biblioteca modernizouse mediante a doazón de bibliotecas enteiras así como a axuda das principais figuras culturais da cidade, converténdose nun importante centro cultural e espiritual. Tras a exclaustración de 1835, consecuencia da Demortización de Mendizábal, a Biblioteca do Convento de San Francisco foi incrementando os seus fondos ata hoxe en día, converténdose nun dos fondos patrimoniais máis importantes de España e de referencia no ámbito galego.