Debate sobre «La particular memoria de Rosa Mansur» de Vladimir Vertlib
- Data
- Martes, 5 de marzo de 2024
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Os martes, 20 de febreiro e 5 de marzo, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra La particular memoria de Rosa Mansur de Vladimir Vertlib.
La particular memoria de Rosa Mansur está protragonizada por unha muller de noventa anos, que acaba de chegar de Rusia co seu fillo Kóstik e a súa nora Frieda a unha pequena poboación alemá que celebra o seu 750 aniversario. Alí pídenlle que rememore a súa vida, ao que accede. Oriunda dunha localidade da fronteira entre Polonia e Rusia, criouse no Leningrado dos anos veinte, en plena «fase de construción» do comunismo, onde se convertiu en obreira dunha fábrica téxtil e posteriormente en tradutora do alemán, e que sufriu o interminable asedio da cidade mentres criaba aos seus dous fillos, vendo como a xente sobrevivía facendo caldo coa cola do empapelado, comendo os canarios ou devorándose os uns aos outros.
Vladimir Vertlib (San Petersburgo, 1966) emigrou en 1971 coa súa familia a Israel, comezando unha década de exilio, durante a que viviron sucesivamente en Italia, Países Baixos e incluso Estados Unidos, de onde foron deportados, instalándose definitivamente en Austria en 1981. Licenciado en Economía na Universidade de Viena, comezou a súa traxectoria profesional como redactor para diferentes xornais e revistas. As súas novelas foron traducidas ao ruso, checo, esloveno, italiano, francés e español, e posúen unha forte carga autobiográfica, pois nelas utiliza as súas propias vivencias para tratar temas como a identidade, o fogar, o xudaísmo e a experiencia de ser migrante, capturando a historia colectiva dos xudeus rusos no século XX a través da peripecia de personaxes individuais. É autor de cerca dunha quincena de novelas, entre as que destaca La particular memoria de Rosa Masur, gañadora en 2001 dos Premios Adelbert von Chamisso e Anton Wildgans.