Presentación da novela «70º Norte» de Xaime Toxo
- Data
- Mércores, 24 de xaneiro de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 24 de xaneiro, ás 19.30h, terá lugar na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación da novela «70º Norte» de Xaime Toxo. No acto participarán:
- Pilar Sampedro, Secretaria do Ateneo de Santiago
- Xaime Toxo, escritor e Presidente do Ateneo de Pontevedra, autor da obra
70º Norte é a primeira novela de Xaime Toxo. Nela relata un colapso social nas grandes áreas metropolitanas indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento. Unha praga contaxiosa con matices de maldición bíblica, leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio dunha extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible. A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia. A miles de quilómetros do ruído das urbes, o destino da especie humana está en saberse unha parte máis do planeta que habita.

Xaime Toxo (Bueu, 1955), licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, é mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidade visual. Xestor cultural, foi fundador da Asociación Liboreiro de Bueu en 1974 e actualmente é presidente do Ateneo de Pontevedra. No seu haber como escritor conta, entre outras publicacións, cos libros de relatos As palabras que move o mar (2015) e Protexer o invisible (2016), e os textos poéticos Cadernos do mar (I e II, 2014), en colaboración co pintor Antón Sobral, e A casa sen nós (2019). Recibiu o Primeiro Premio do Certame «O xadrez faise palabra», convocado pola ONCE no ano 2000; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2002; primeiro Premio do Certame de relatos do Concello de Paradela 2002; primeiro Premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves 2004; accésit do Premio Modesto R. Figueiredo 2011 e accésit no Certame Manuel Murguía 2011.