Mesa redonda «Reflexión postelectoral», con María Obelleiro, Xurxo Salgado e Caetano Díaz

Data
Luns, 19 de febreiro de 2024
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Sociedade da Información
Compartir

O luns, 19 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda, organizada pola Sección Sociedade da Información, titulada «Reflexión postelectoral», na que participarán María Obelleiro, Directora de Nós Diario; Xurxo Salgado, Director de Galicia Confidencial; e Caetano Díaz, xornalista, e que estará moderada polo xornalista Xosé Ramón Pousa.

María Obelleiro Hermida, Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (especialidade de xornalismo audiovisual), está especializada en Xornalismo en igualdade e dirixe Nós Diario dende a súa posta en marcha, en xaneiro de 2020. Empezou a súa traxectoria como xornalista en A Nosa Terra e en 2017 dirixiu o semanario Sermos Galiza, estando á fronte da súa edición dixital, www.sermosgaliza.gal, dende febreiro de 2019. Colaborou en Correo Televisión, Radio Galega e Tribuna Catalana e participou na redacción dos Informes de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, así como no foro Las mujeres que opinan son peligrosas en 2018. Gañou o Premio de Xornalismo Johán Carballeira en 2016-2017, cunha reportaxe titulada O aparheit sanitario na Galiza.

Xurxo Salgado, Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago, foi durante case dous anos produtor e editor dos programas «Tardes de verán» e «Tardes con Ana» da TVG. Foi Director dos xornais Estrella Digital e A Nosa Terra, xornalista de Europa Press e El Mundo e analista político da Radio Galega. Tamén foi xefe de proxectos na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e desenvolveu estratexias de comunicación para varias entidades. Actualmente é o Director do xornal Galicia Confidencial.

Caetano Díaz estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid. Fixo tres cursos de Socioloxía no Instituto León XIII e comezou a traballar en 1976 en El ideal Gallego. En 1981 entrou en La Voz de Galicia, levando a información da primeira Xunta na Delegación de Santiago e como cronista político na Redacción central da Coruña. No ano 1985 puxo en marcha a Axencia Galega de Noticias como director xeral e en 1988 chegou a El Correo Gallego para levar o Peche e, despois, as seccións de Investigación e Primeiro Plano. Traballou neste xornal como subdirector entre 1994 e 2003, ano en que asumiu a dirección de Galicia Hoxe ata o seu peche en 2011. Reintegrado á súa Redacción central, encargouse da portada e da sección editorial ata ser nomeado director adxunto en xuño de 2020.

Próximos eventos Ver axenda