Conferencia «Pasados, presentes e futuros urbanos. O proxecto Compostela (etno)gráfica» de Aldara Cidrás

Data
Luns, 26 de febreiro de 2024
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 26 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Pasados, presentes e futuros urbanos. O proxecto Compostela (etno)gráfica», que estará impartida por Aldara Cidrás, Doutora en Historia Contemporánea pola USC.

Compostela (etno)gráfica é un traballo de investigación e divulgación iniciado en 2022 grazas ao recoñecemento da Deputación da Coruña. Partindo do estudo da gráfica comercial no casco histórico de Santiago de Compostela, achégase ao pasado da cidade e reflexiona sobre o seu futuro, atravesado pola xentrificación e turistificación. Os rótulos actúan no proxecto como un dispositivo que vehicula conversas, ás veces incómodas, sobre nós mesmas e o espacio que (des)habitamos. Á parte do traballo de investigación en si, a iniciativa outorga gran importancia á labor divulgativa, empregando as redes sociais como ferramenta para a revalorización deste patrimonio vulnerable (@compostela_etnografica).

Aldara Cidrás Fuentes é doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerceu como investigadora e docente nos últimos anos. No traballo da súa tese doutoral, especializouse no comportamento da administración de xustiza (con especial foco na xurisdición ordinaria) ao servizo dos sublevados durante o golpe e a guerra civil española. Historiadora de formación, as súas liñas de traballo son moito máis amplas, cunha clara influencia dos estudos de xénero ou os estudos culturais, interesada sempre pola interdisciplinariedade na investigación. No derradeiro semestre de 2019 foi convidada como investigadora visitante na Universidade de Princeton en Estados Unidos e ao longo do 2023 foi investigadora residente no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, onde puido continuar a desenvolver o proxecto Compostela (etno)gráfica.

Próximos eventos Ver axenda