Homenaxe a Antía Cal
- Data
- Luns, 4 de marzo de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela)
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 4 de marzo, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha homenaxe á pedagoga Antía Cal, como conmemoración do Día da Muller, dentro da III Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA). No acto participarán Antón Costa Rico, Pedagogo, e Luis Otero, Ex-Director da Escola Rosalía de Castro de Vigo, e estará coordinada pola Pedagoga e Psicóloga Juana María Otero.
Antón Costa Rico doutorouse pola Universidade de Salamanca en 1982, cunha tese sobre a historia da escola primaria en Galicia entre 1900 e 1936. Foi un dos fundadores do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega en 1983. É membro do Seminario de Estudos Galegos, ao que representa no Consello Escolar de Galicia. Foi un dos promotores das revistas pedagóxicas As Roladas (1980) e Revista Galega de Educación (1986) e Presidente da Asociación Española de Historia da Educación entre 2009 e 2013. De 1985 a 2010 foi profesor nas Facultades de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, exercendo como Catedrático nesta última dende 2010 ata a súa xubilación en 2020. Ten publicadas numerosas obras sobre ensino e educación, entre as que destaca Historia da educación e da cultura en Galicia (Séculos IV-XX) polo que recibiu varios premios nos anos 2004 e 2005 como o Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego, o Losada Diéguez, o Premio de Investigación da Crítica de Galicia e o Ánxel Casal ao libro do ano. En 2020 foille outorgado o Premio Luís Porteiro Garea polo seu esforzo na normalización do uso do galego.
Luis Otero Gutiérrez foi Director da Escola Rosalía de Castro de Vigo e ten varias publicacións sobre temas educativos en revistas como Boletín das Ciencias, Revista Galega de Educación ou Cuadernos de Pedagogía, ademais da obra A avaliación.
Juana María Otero Suárez, natural de Santiago de Compostela, é Licenciada en Psicoloxía, especialista en Pedagoxía Terapéutica e Logopedia. Foi Xefa da Sección de Educación Especial na Consellería de Educación da Xunta de Galicia, profesora de Educación Secundaria e mestra de Educación Infantil e Primaria. Os seus intereses son os temas de actualidade relacionados coa psicopedagoxía e mellora da comprensión da lectura así como benestar, saúde e prevención de problemas de saúde mental.