O venres, 12 de abril, o Ateneo de Santiago realizará unha visita a Vigo, co seguinte programa: 

8.30h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago.

10.30h. Visita ao ECIMAT – CIM. Estación de Ciencias  e Investigación Mariña de Toralla. Vigo, Centro de Apio á investigación Mariña da Universidade de Vigo. 
A ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla) é a principal infraestrutura de investigación mariña de Galicia, dependente da Univeridade de Vigo, que ofrece instalacións de vangarda fronte ao mar, como laboratorios e equipos de investigación, sendo un elemento clave na estratexia de internacionalización do CIM. Participa en numerosas iniciativas internacionais sendo unha das dúas estacións mariñas que integran o nodo español da infraestrutura europea, con plataformas tecnolóxicas para a investigación de recursos biolóxicos mariños, procesos e análise de mostras de auga, acceso aos ecosistemas das rías, etc.

12.00h. Visita guiada ao Pazo Quiñones de León.
Tamén coñecido como Pazo de Castrelos, está datado no século XVII. Doado polo Marqués de Montevirgen ao Concello de Vigo, dende 1937 é o Museo da Cidade de Vigo. Conta cunha das mellores coleccións de pintura galega e algunhas pezas relevantes de pintura europea e está rodeado de xardíns de influencias francesas e inglesas, con categoría de xardíns históricos e Ben de Interese Cultural dende 1955, xunto cunha ruta botánica de alto valor estético.

14.30h. Comida no Real Club Náutico de Vigo. Menú: 
               Primeiro prato (a elixir): empanada caseira, ensalada de cabaciño e calamares.
               Segundo prato (a elixir): Xarrete guisado, peixe fresco do día e polo á cazadora.
               Sobremesas variadas. Bebida e café.

18.00h. Visita guiada á Pinacoteca F. Fdez. del Riego, situada no Pazo Arias Taboada, no barrio histórico. 
Con pintura galega de fondos da colección da arte municipal, exhíbense dende 2011 obras da primeira metade do XIX e finais do XX. Ten unha sala dedicada ao pintor galego Manuel Colmeiro.

Posible hora de regreso a Santiago ás 20.00h. 

O prezo da viaxe é de 40€ por persoa, incluíndo autobús, xantar, visitas e guía, e os cales se aboarán directamente o mesmo día da visita. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 15€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o martes, 26 de marzo, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

Próximos eventos Ver axenda