Presentación do disco «Yaya Kuntur (Padre Cóndor). Himnos en latín y quechua (siglos XVI-XIX)» de Manuel Vilas & Ars Atlántica
- Data
- Luns, 30 de setembro de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 30 de setembro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do disco «Yaya Kuntur (Padre Cóndor). Himnos en latín y quechua (siglos XVI-XIX)» de Manuel Vilas & Ars Atlántica.
O acto contará coa presenza de Manuel Vilas, que falará deste disco e nos presentará a reproducción da arpa dos frescos da Igrexa de Santiago Apóstol de Huachacalla (Oruro), na actual Bolivia, feita polo luthier Javier Reyes de León, e cuxa imaxen se pode ver na portada do disco.
Yaya Kuntur (Padre Cóndor) é o último traballo discográfico do arpista compostelán Manuel Vilas, nesta ocasión adicado a unha parcela moi concreta da música do Virreinato do Perú: a do himno católico en linguas latina e quechua. Tamén se tratan neste traballo outros aspectos da música peruana destes séculos, como o yaraví ou a importancia da arpa no Perú virreinal. Nesta ocasión Vilas conta coas colaboracións das voces de Magali Revollar, cantante peruana experta no canto andino, e o tenor Diego Blázquez.
Manuel Vilas, nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e, como solista, nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais. Realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana e ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia. Unha das súas máis ambiciosas investigacións é a recuperación e gravación de varios proxectos relacionados cos tons humanos, un tipo de canción ou toada profana do século XVII español do que xa ten publicado varios compactos: toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza (Naxos), Tons á arpa coa mezzosoprano Marta Infante (Enchiriadis), tons de José Marín xunto ao tenor Félix Rienth e un cuarto dedicado ao Manuscrito Contarini, conservado na Biblioteca Marciana de Venecia. É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (s. XVII), manuscrito do século XVIII que investiga dende hai máis de quince anos e cuxa gravación integral publica a discográfica Naxos en 6 discos compactos. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola Coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana o seu estudo sobre a arpa no Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstolo de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII). Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país. En 2007 funda o conxunto Ars Atlántica, que se presenta no festival Via Stellae coa estrea, en tempos modernos, das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia, e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio “prelude classical music” como un dos mellores discos de música antiga de 2010.Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Mariví Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Mónica Piccinini, etc. Forma dúo estable coa cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo, dúo dedicado ás músicas monódicas do medievo que xa publicou o compacto Chantador de joi d`amor sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn (editado polo selo holandés Etcétera). Recentemente ofreceu na Escola Superior de Canto de Madrid un curso especializado en tons humanos do século XVII, presentou na American Society of New York o seu traballo sobre o himno cuzqueño dos séculos XVI ao XIX e gravou 24 tons do Cancioneiro da Sablonara, xunto ao conxunto Vandalia, proxecto financiado pola Fundación BBVA, e Compendio Numeroso, o primeiro monográfico dedicado ao arpista Diego Fernández de Huete, para a prestixiosa discográfica Paraty. Actualmente é profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Medieval de La Valldigna).Posúe a súa propia canle de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).