ROSA DEL CIEL. Claudio Monteverdi e o xesto músico-teatral (ARS ATLÁNTICA / ROBERTA INVERNIZZI / MARCELLO NARDIS)

Data
Mércores, 2 de outubro de 2024
Horario
20.30h
Lugar
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión

Carné xove e menores de 30 anos:
Entrada individual: 8€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 30€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Compartir

ROSA DEL CIEL
Claudio Monteverdi e o xesto músico-teatral
ROBERTA INVERNIZZI  soprano
MARCELLO NARDIS  tenor
ARS ATLÁNTICA
MANUEL VILAS  dirección / arpa doppia
SARA RUIZ  viola da gamba
MANUEL MINGUILLÓN  arquilaúde
Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia)
Martes 2 outubro 2024
20.30h

Se hai algunha época da historia da arte que fale e reflexione sobre as paixóns mundanas, sacando o peor e o mellor do ser humano, esa é, sen dubidalo, o Barroco: todo ese torrente de paixóns humanas atopámolo traducido de moi diversas maneiras na pintura, poesía, escultura, teatro e música desta época. Falar destes conceptos no teatro musical do século XVII é falar dun dos compositores máis xeniais da historia da música: Claudio Monteverdi. Monteverdi soubo reunir coma ninguén xesto, palabra e música, logrando un resultado artístico que nos axita e conmove 400 anos despois. O conxunto Ars Atlántica, creado e dirixido polo arpista compostelán Manuel Vilas, reedita a súa colaboración con outra artista extraordinaria, a soprano italiana Roberta Invernizzi, nunha nova entrega dos seus inesquecibles encontros musicais no Festival Ateneo Barroco, nesta oportunidade arredor da inigualada imaxinación e humanidade de Claudio Monteverdi. A teatralidade é, sen dúbida, unha das formas de expresión, de representación, máis característica da música e este programa monográfico dedicado a Claudio Monteverdi pretende ser un auténtico exercicio de teatralidade, non só por conter escenas das súas tres óperas, L’Orfeo, Il ritorno d’Ulisse in patria e L’incoronazione di Poppea, obras mestras absolutas do xesto músico-teatral, senón por centrarse tamén nalgúns dos seus madrigais, que se conciben aquí como se fosen auténticas óperas en miniatura onde cada cal pode chegar a recoñecerse, lembrarse ou verse reflexado.

PROGRAMA

Claudio Monteverdi (1567-1643)

Zefiro torna (Scherzi musicali, 1632)

Rosa del Ciel 
solo de Orfeo (L’Orfeo, 1607)

Signor quell'infelice
solo de Proserpina (L’Orfeo, 1607)

Duri e penosi son gli amorosi e fieri desir
dúo de Melanto e Eurimaco (Il ritorno d’Ulisse in patria, 1640)

Vi ricorda oh boschi ombrosi
solo de Orfeo (L’Orfeo, 1607)

Disprezzata Regina
solo de Ottavia (L’incoronazione di Poppea, 1642)

Soave libertade (VII Libro de Madrigali, 1619)

Tempro la Cetra (VII libro de Madrigali, 1619)

Voglio di vita uscir (1632)

Pur ti miro
dúo de Poppea e Nerone (L’Incoronazione di Poppea, 1642)

ARS ATLÁNTICA
Ars Atlántica formouse en 2007 e está dirixido polo arpista Manuel Vilas. Dedicado á interpretación de repertorios musicais dos séculos XII ao XVIII, con especial énfase no repertorio portugués, español, italiano e hispanoamericano, o ensemble amosa un especial interese pola recuperación musical de ambientes privados e íntimos. O debut discográfico de Ars Atlántica consistiu na primeira gravación mundial das cantatas venecianas procedentes do palacio Contarini en Piazzola Sul Brenta (Padova), xunto á mezzosoprano Marta Infante, rexistro sonoro que recibiu excelentes críticas, así como o galardón Prelude Award Music (Holanda) como un dos mellores discos de música antiga do ano 2010.
Ars Atlántica ten participado en prestixiosos festivais como Via Stellae, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Música Antiga de Vitoria, Festival de Órgano de Cascante, Festival de Música Sacra de Quito (Ecuador), Festival de Gante (Bélxica), Festival dos Pirineos, Festival de Casalarreina, Americas Society (New York), Festival Músika-Música (Bilbao), Real Coliseo de Carlos III (El Escorial), Festival Enclaves (Huesca), Festival de Música Antiga de Aranjuez, etc.
Ars Atlántica e o seu director Manuel Vilas están a levar adiante o proxecto de gravación dos 100 tons humanos procedentes do chamado Manuscrito Guerra (segunda metade do século XVII), unha das principais fontes para o coñecemento da música vocal profana do barroco hispano: o proxecto inclúe o rexistro e publicación da totalidade das pezas deste manuscrito en seis compactos publicados na discográfica inglesa Naxos, recibindo excelentes críticas e recoñecementos como Disco Excepcional da revista Ritmo (maio 2011) e Disco do Mes da Musicweb internacional (Estados Unidos, decembro 2012). 
Ars Atlántica salienta pola peculiaridade das súas propostas, onde a música, historia e outras disciplinas artísticas se dan a man para estreitar o contacto co público e facelo sentir como nunha reunión familiar de época: dende un palacio español do século XVII a un salón inglés, un paseo en góndola pola Venecia do XVIII, un convento de clausura do XVII ou unha taberna da Sevilla barroca, o obxectivo sempre será dar unha volta por determinados ambientes do pasado.
En total primicia Ars Atlántica representou a ópera Rinaldo de Haendel, na súa versión reducida autorizada por Haendel en 1711, durante a clausura do Festival Via Stellae 2015, presentouse xunto a Marta Infante no Festival de Música Antiga de Gante e participou nas homenaxes que a Universidade de Salamanca dedicou a Juan del Encina.
Ars Atlántica colabora ocasionalmente co cuarteto vocal Vandalia coa intención de difundir os tons humanos polifónicos; xuntos teñen materializado varios proxectos de recuperación patrimonial que quedaron reflexados nun discodedicado a tons polifónicos do barroco español titulado Hirviendo el mar e publicado na discográfica IBS en 2018 e recibiron unha bolsa da Fundación BBVA para realizar un disco dobre dedicado a un dos grandes cancioneiros do século XVII español, o Cancionero de la Sablonara.
Ars Atlántica recibiu en 2015 o premio Festclásica, outorgado pola asociación de festivais españois de música antiga, e o premio á mellor produción discográfica 2018 por parte da Asociación de Grupos Españoles de Música Antigua (GEMA).

ROBERTA INVERNIZZI  soprano
Nada en Milán, estudou piano e contrabaixo antes de dedicarse ao canto baixo a tutela de Margaret Heyward. É unha das solistas máis solicitadas no eido do repertorio barroco e clásico, sendo até hoxe un verdadeiro referente de técnica e estilo no Barroco. Gran intérprete de Haendel, Roberta Invernizzi foi María Magdalena en La Resurrezione no Muskverein de Viena, Medea en Teseo (Karlsruhe), Oriana en Amadigi (Festival Händel de Halle e Opéra Royal de Versailles), Cleopatra en Giulio Cesare coa Orchestra of the Age of Enlightenment, Flavia en Silla (Théâtre des Champs-Élysées e Konzerthaus de Viena), Emirena en Adriano in Siria (Madrid e Valencia, baixo a dirección de Fabio Biondi), Nerone en Agrippina (Teatro Real de Madrid) e Armida en Rinaldo dirixida por Ottavio Dantone e con escena de Pierluigi Pizzi na Scala de Milán. Cantou os papeis principais en Dido e Eneas (Teatro Filarmónico de Verona e Teatro Regio de Turín), La Santissima Trinità de Scarlatti e Ercole sul Termodonte de Vivaldi (Théâtre des Champs-Élysées de París), Starira de Cavalli (Teatro San Carlo de Nápoles), Olimpiade de Galuppi en La Fenice, L’Orfeo de Monteverdi na Scala (Rinaldo Alessandrini e Roberto Wilson) e en Turín (Antonio Florio) e Il Ritorno di Ulisse in patria na Elbphilharmonie de Hamburgo con Europa Galante e Fabio Biondi.
Regularmente presente no Festival de Salzburgo, alí ten cantado o papel principal en Sant'Elena al Calvario con Fabio Biondi, ofrecido recitais con Il Giardino Armonico no Mozartheum, Aci Galatea e Polifemo con Giovanni Antonini, Il Trionfo del Tempo e del disinganno de Haendel con Martin Haselböck, La Resurrezione con Nikolaus Harnoncourt, a Misa en do menor de Mozart con Gustavo Dudamel, o Isacco de Jommelli con Diego Fasolis e a Waisenhausmesse con Claudio Abbado. Ademais, ten ofrecido recitais barrocos con Il Giardino Armonico no Mozarteum, a Misa menor en do e Davide Penitente no Musikverein de Viena e no Festival Styriarte de Graz con Nikolaus Harnoncourt. Invitada varias veces á Scala, cómpre salientar o recente Stabat Mater de Pergolesi baixo a dirección de Ottavio Dantone e o prestixioso Concerto de Nadal dirixido por Giovanni Antonini. No Innsbrucker Festwochen der Alten Musik foi Giunone na Semele de Hasse con Claudio Osele.
Foi elixida polo gran director austríaco Nikolaus Harnoncourt para interpretar a versión de Mozart de Alexander's Feast no concerto conmemorativo dos 200 anos do Musikverein de Viena. Na mesma cidade, pouco despois, celebrou os 20 anos do Resonanzen Festival cun recital titulado Roberta Invernizzi and friends!. Ten cantado nos principais teatros italianos, europeos e americanos, baixo a dirección de Nikolaus Harnoncourt, Claudio Abbado, Ivor Bolton, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Giovanni Antonini, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini e Ottavio Dantone e colabora frecuentemente con Concentus Musicus Wien, Europa Galante, Accademia Bizantina, Il Giardino Armonico, Cappella de la Pietà dei Turchini, Concerto Italiano, Ensemble Mattheus, Venice Baroque Orchestra, La Risonanza, Archibudelli e I Barocchisti.
A súa discografía inclúe máis de 100 gravacións en colaboración con selos como Sony, Deutsche Grammophon, EMI/Virgin, Naïve, Opus 111, Symphonia, Glossa, etc., obtendo numerosas distincións como o Diapason D'Or de l'année, Choc du Monde de la Musique, Godlberg 5 Stars, Grammophone Awards e Deusche Schallplatten Preis. Os seus recentes traballos discográficos en solitario Vivaldi Album, Faustina Bordoni e La Bella più Bella, gravados para Glossa, foron amplamente aclamados pola crítica internacional. O seu disco en solitario Dolcissimo Sospiro coa Accademia Strumentale Italiana gañou o prestixioso Midem Classical Awards e con Cantate italiane de Haendel gañou o Stanley Prize á mellor gravación de Haendel do ano.
Compromisos recentes e futuros inclúen os roles de Ipomene no Empio Punito de Alessandro Melani, dirixido por Carlo Ipata e escena de Jacopo Spirei, no Teatro Verdi de Pisa; Flavia en Silla de Haendel en Xapón, baixo a dirección de Fabio Biondi; San Giovanni en La Vergine addolorata de Scalatti no Festival Barroco da Staatsoper de Berlín; e Giunone na Semele de Hasse en Rheinsberg, con Claudio Osele.

MARCELLO NARDIS  tenor
Licenciado con honra en Grego Antigo, Arqueoloxía Cristiá e Pedagoxía Musical na Universidade La Sapienza de Roma e no Alma Mater Studiorum de Bolonia, obtivo paralelamente diplomas en piano, canto e música vocal de cámara nos conservatorios de Roma, Nápoles e Florencia. Completou a súa formación musical na Franz Liszt Hochschule de Weimar con Peter Schreier e no Mozarteum de Salzburgo con Kurt Widmer. Tras unha primeira etapa como pianista, debutou como tenor nas Xornadas Mundiais da Xuventude de Canadá en 2003. Dende aquela desenvolveu unha intensa actividade artística, sendo invitado por institucións como o Teatro alla Scala, Accademia Nazionale di Santa Cecilia, La Fenice de Venecia, Teatro Filarmónico de Verona, Teatro San Carlo de Nápoles, Maggio Musicale Fiorentino, Teatro Carlo Felice de Génova, Teatro Massimo Bellini de Catania, Teatro Massimo de Palermo, Liceu de Barcelona, New National Theatre de Tokio, Carnegie Hall de New York, Smetana Hall de Praga, Academy of Saint Martin in the Fields de Londres, Mozarteum e Pfingsten Festival de Salzburgo, Holywell Hall de Oxford e Stadthalle de Bayreuth, xunto a directores como Andrea Battistoni, Myung-Whun Chung, Fabio Luisi, Zubin Mehta, Riccardo Muti, Christophe Rousset, Diego Fasolis ou Federico María Sardelli e en dúo con pianistas como Andrea Bacchetti, Paul Badura-Skoda, Antonio Ballista, Michele Campanella, Bruno Canino, Aldo Ciccolini, Laura de Fusco, Fiuzzi, Roberto Prosseda, Norman Shetler e Andrew West. Particularmente dedicado ao repertorio liederístico, interpretou máis de 100 veces o ciclo Winterreise de Franz Schubert, incluso na dobre función, simultaneamente, de pianista e cantante.
Entre os seus compromisos recentes cómpre salientar os papeis de Monostatos en Die Zauberflöte no Teatro Filarmónico de Verona, La Fenice de Venecia, Teatro Donizetti de Bérgamo, Ópera de Florencia e Teatro Sociale de Como para o Circuito Aslico; Pong en Turandot no Teatro Carlo Felice de Xénova e no Macerata Opera Festival; Normanno en Lucia di Lammermoor e Raoul en La viuda alegre na Fenice. Ademais, cantou Die Zauberflöte en Salerno, Venecia e na Ópera de Roma; Lucia di Lammermoor (Arturo) en Xénova; Die Winterreise no Maggio Musicale Fiorentino; Turandot en Verona; Madama Butterfly en Caserta e Xénova; Macbeth e Satyricon en Venecia; La forza del destino en Piacenza, Módena e Reggio Emilia; Medea en Corinto; Pietro il Grande en Bérgamo; Falstaff en Piacenza e Módena; Die lustige Witwe en Roma; Gianni Schicchi na Arena de Verona e nun filme dirixido por Damiano Michieletto e transmitido pola RAI; Rigoletto en Venecia e Ferrara; e Da una casa di morti en Roma.

MANUEL VILAS  arpa de dúas ordes
Nado en Santiago de Compostela, formouse en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con numerosos grupos e como solista nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Italia, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Noruega, Portugal, Suíza, Paraguai, Francia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Países Baixos, Colombia, Hungría, etc., ademais de ofrecer conferencias, cursos e clases maxistrais. Realiza concertos como solista con programas centrados na música barroca española, americana e italiana e ten colaborado, como acompañante e solista, en máis de 100 discos con diferentes conxuntos e discográficas. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba. Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da Catedral de Valencia. 
Unha das súas máis ambiciosas investigacións é a recuperación e gravación de varios proxectos relacionados cos tons humanos, un tipo de canción ou toada profana do século XVII español do que xa ten publicados varios compactos: toadas de Sebastián Durón coa soprano Raquel Andueza (Naxos), Tons á arpa coa mezzosoprano Marta Infante (Enchiriadis), tons de José Marín xunto ao tenor Félix Rienth e un cuarto dedicado ao Manuscrito Contarini, conservado na Biblioteca Marciana de Venecia. É director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra (s. XVII), manuscrito do século XVIII que investiga dende hai máis de quince anos e cuxa gravación integral publica a discográfica Naxos en 6 discos compactos. Así mesmo, é pioneiro no estudo de certo tipo de arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, s. XVIII), a arpa dobre que circulaba pola Coroa de Aragón no século XIV e, recentemente, presentou no Festival de Música e Musicoloxía Iberoamericana o seu estudo sobre a arpa no Virreinato do Perú e a reprodución da arpa de Santiago Apóstolo de Huachacalla (Oruro, Bolivia, s. XVIII). Foi convidado a representar a España no VI Festival Mundial de Arpa en Asunción (Paraguai) sendo o primeiro arpista en ofrecer un recital de arpa de dúas ordes neste país.
En 2007 funda o conxunto Ars Atlántica, que se presenta no festival Via Stellae coa estrea, en tempos modernos, das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia, e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co Prelude Award Music como un dos mellores discos de música antiga de 2010.Unha das súas especialidades é ofrecer recitais con cantantes e ten acompañado a Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Maria Jonas, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Olalla Alemán, Mercedes Hernández, María del Mar Fernández Doval, Mariví Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Yetzabel Arias, Mónica Piccinini, etc. Forma dúo estable coa cantante Paloma Gutiérrez del Arroyo, dúo dedicado ás músicas monódicas do medievo, que xa publicou o compacto Chantador de joi d`amor sobre a figura do trobador Bernart de Ventadorn (editado polo selo holandés Etcétera).
Recentemente ofreceu na Escola Superior de Canto de Madrid un curso especializado en tons humanos do século XVII, presentou na American Society of New York o seu traballo sobre o himno cuzqueño dos séculos XVI ao XIX e gravou 24 tons do Cancioneiro da Sablonara, xunto ao conxunto Vandalia, proxecto financiado pola Fundación BBVA, e Compendio Numeroso, o primeiro monográfico dedicado ao arpista Diego Fernández de Huete, para a prestixiosa discográfica Paraty. Actualmente é profesor de arpa medieval no CIMM (Centro Internacional de Música Medieval de La Valldigna).Posúe a súa propia canle de youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual no que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

Próximos eventos Ver axenda