LA DÉFENSE DE LE BLANC. O Tratado como retrato histórico dunha batalla musical (CONCERT LE PHÉNIX)

Data
Sábado, 5 de outubro de 2024
Horario
20.00h
Lugar
Igrexa da Universidade
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión

Carné xove e menores de 30 anos:
Entrada individual: 8€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 30€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Compartir

LA DÉFENSE DE LE BLANC
O Tratado como retrato histórico dunha batalla musical
CONCERT LE PHÉNIX
FERNANDO SANTIAGO  violoncello / dirección
CALIA ÁLVAREZ  viola da gamba
ROBERTO ALONSO  violoncello
Igrexa da Universidade
Sábado 5 outubro 2024
20.00h

Pouco se coñece sobre a figura de Hubert Le Blanc, un avogado, abade e violagambista amateur que en 1740 publicou un interesante tratado titulado Défense de la Basse de Viole contre les Enterprises du Violon et les Prétentions du Violoncelle (Defensa da viola da gamba contra os negocios do violín e as pretensións do violoncello). Esta obra reflexa á perfección un momento histórico en Francia, onde a viola da gamba, despois dunha época de gran desenvolvemento e esplendor, vai quedando relegada a un segundo plano, ao mesmo tempo que os instrumentos da “familia da braccio” (de brazo), como o violín ou o violoncello, gañan protagonismo nos famosos Concerts Spirituels parisinos. Este programa, inspirado na Défense de Le Blanc, supón unha suxestiva imaxe deste breve, aínda que interesantísimo, momento na historia da música, un retrato composto por un conxunto de obras concibidas xenuinamente para ser interpretadas con instrumentos destas dúas familias, a viola da gamba baixo e o violoncello, por compositores como Jean Baptiste Masse, Giacobbe Cervetto ou Benedetto Marcello (autores non demasiado coñecidos incluso polo afeccionado). A filosofía deste conxunto de recente creación, que ten como base o rigor historicista e a investigación das técnicas, códigos e prácticas de interpretación de cada época, inclúe a recuperación da tradicional práctica da transcrición musical, adaptando obras ilustrativas da época ás características propias do ensemble, presentando nesta ocasión sonatas de Joseph Bodin de Boismortier e Michel Corrette, orixinalmente compostas para violín, violoncello e baixo (Sonata op. 50 nº 6 de Boismortier) e violoncello, viola da gamba ou fagot con baixo continuo (Sonata op 13 nº 6 de Corrette).

PROGRAMA

Joseph Bodin de Boismortier (1689-1755)
Trio Sonata op 50 nº 6 *
Largo - Allegro - Larghetto - Allegro

Giacobbe Cervetto (1680-1783)
Trio Sonata op. 1 nº 1
Adagio - Allegro - Minuetto I-II

Jean Baptiste Masse (c. 1700 - c. 1757)
Sonata en dúo op. 3 nº 3
Vivace - Aria - Allegro

Michel Corrette (1707-1795)
Les Délicies de la Solitude op. 20 nº 6 *
Allegro moderato - Affettuoso - Giga

Benedetto Marcello (1686-1789)
Sonata a tre op. 2 nº 1
Largo - Presto - Largo - Presto

                             * adaptación: Fernando Santiago

CONCERT LE PHÉNIX
Concert Le Phénix é un ensemble de recente creación, especializado na interpretación da música dos séculos XVII ao XIX para violas de gamba, violóns e violoncellos con criterios historicistas. Liderado polo violoncellista, pedagogo e investigador Fernando Santiago, Concert Le Phénix propón unha serie de programas compostos por repertorio orixinal para esta formación, ao mesmo tempo que recupera, ademais, a tradicional práctica da transcrición musical, adaptando outras composicións destes séculos ás características propias do ensemble. Concert Le Phénix realiza unha intensa actividade investigadora, baseada no estudo das fontes documentais históricas, coa intención de achegarse aos instrumentos e materiais –que tanto cambiaron ao longo dos séculos–, así como ás diferentes técnicas, códigos e prácticas de cada época.

FERNANDO SANTIAGO  violoncello / dirección
Natural de Bueu, concluíu con distinción os seus estudos de violoncello, cun minor en pedagoxía, no Real Conservatorio da Haia con Lucia Swarts, Dmitri Ferschtman e Anner Bylsma e na Universidade das Artes de Tokio con Hidemi Suzuki. Fernando Santiago ten colaborado con músicos como Lucy van Dael, Emma Kirkby, Vera Beths, Barthold Kuijken, Jacques Ogg, Daniel Cuiller, Alfredo Bernardini ou Chiara Banchini, ofrecendo numerosos recitais en Xapón, España, Portugal, Francia, Italia, Malta, Alemaña, Suíza, Croacia, Hungría, República Checa, Polonia, Bélxica, Países Baixos, etc. Como docente, foi profesor de violoncello barroco na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) do Porto, entre 2016 e 2023, e impartiu cursos de formación e clases maxistrais en institucións como o Conservatorio Superior de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Lugo, Asociación de Violoncellistas de Galicia, Escola Profissional de Música de Espinho, Joven Orquesta Barroca de Andalucía, Consellería de Educación e Universidade da Xunta de Galicia ou os Cursos Internacionais de Música Antiga da MAAC (Música Antiga Associação Cultural). Fernando Santiago é doutorando na Universidade de Santiago de Compostela, onde forma parte do grupo de investigación Organistrum e do proxecto Arquivo do Teatro Pregoldoniano. Tamén ten publicado as Cantatas para soprano e continuo de Giacomo Facco da Biblioteca do Conservatorio San Pietro a Majella (Nápoles) (Dairea Edicións, 2021) e participou no VIII Encontro da Mocidade Investigadora da USC e no XI Encontro da Sociedade Portuguesa de Investigação em Música.

CALIA ÁLVAREZ  viola da gamba
Naceu na Habana, onde cursou os seus estudos de violoncello no Conservatorio Amadeo Roldán. Formou parte da Orquesta Sinfónica Nacional de Cuba dende 1995 e, a partir de 1999, do Conxunto de Música Antiga Ars Longa da Habana, co que traballou baixo a dirección de Josep Cabré e Gabriel Garrido. En 2002 trasladouse a España, cursando estudos de viola da gamba con Ventura Rico no Conservatorio Superior Manuel Castillo de Sevilla. Tamén recibiu clases de violagambistas como Itziar Atutxa, Nima Ben David, Fahmi Alquhai, Vittorio Ghielmi, Wieland Kuijken e Jordi Savall. Como solista, cómpre salientar os seus programas As sonatas para viola da gamba e clave obrigado de J. S. Bach, A grande viaxe da viola da gamba –que abrangue obras dende o século XV até o XXI– e Vihuelas e harpas do pasado –centrado na música do Século de Ouro español–. Participou coa Orquesta Joven de Andalucía, tamén como solista, na estrea no Teatro Maestranza de Sevilla da suite El viaje a Simorgh de José Mª Sánchez-Verdú. Colabora como violagambista ou violoncellista, indistintamente, en orquestras e ensembles como a Orquesta Barroca de Sevilla, Orquesta de Cámara de Ceuta, Folengo, Il Parlamento, La Galanía, La Ritirata, Camerata Iberia, Ars Atlántica e Compañía Nacional de Teatro Clásico, xunto a solistas e directores da talla de Juan Carlos de Mulder, Olalla Alemán, María Espada, Raquel Andueza, José Hernández Pastor, Gerard Talbot ou Andrés Cea. Dende 2011 encárgase de impartir os cursos anuais de viola da gamba na Mostra de Música Antiga Castillo de Aracena. Calia Álvarez é directora de Música Liberata, grupo especializado na interpretación da música do barroco americano, e fundadora de Artilugium, ensemble dedicado á experimentación e busca de novas sonoridades a través de conxuntos vocais ou instrumentais de pequeno formato. Dende 2017 é catedrática de viola da gamba no Conservatorio Superior de Música de Castela e León.

ROBERTO ALONSO  violoncello
Roberto Alonso comezou os seus estudos na súa cidade natal, Vigo, e obtivo o Grao Superior de Violoncello en Salamanca co profesor Aldo Mata. Estableceuse na Haia, onde se especializou en interpretación histórica, obtendo a licenciatura e un máster baixo a orientación de Lucia Swarts e completou a súa formación en violoncello barroco con Anner Bylsma, Jaap ter Linden e Gaetano Nasillo. Ademais, recentemente rematou os seus estudos de viola da gamba en Salamanca con Calia Álvarez. Roberto posúe unha longa experiencia como músico freelance con conxuntos como Anima Eterna (Jos van Immerseel), Nederlandse Bachvereniging (Jos van Veldhoven), Accademia Montis Regalis, Lutherse Bach Ensemble, etc. Foi líder da sección de continuo da orquestra do Teatro Real de Drottningholm (Suecia). É membro fundador da banda barroca Les Esprits Animaux, con quen ten ofrecido concertos e espectáculos nos Países Baixos, Bélxica, Francia, España, Portugal, Alemaña, Lituania, Italia e Xapón, en festivais de talla internacional como Ambronay, MA Festival de Brujas, Festival de Gante, Utrecht Oude Muziek ou Banchetto Musicale de Vilnius. As súas gravacións discográficas teñen sido emitidas na BBC, Radio France, Musiq3, LRT, Concertzender Nederland, etc. Tamén é membro fundador de Silenzio Sonoro, ensemble especializado na música barroca ibérica e italiana. Na actualidade é director artístico do Burgos Baroque Ensemble, conxunto co que realiza un importante labor de recuperación do patrimonio musical da Catedral de Burgos.

Próximos eventos Ver axenda