SAFFO NOVELLA. Solos e dúos de Barbara Strozzi (DOLCE RIMA)
- Data
- Luns, 7 de outubro de 2024
- Horario
- 21.00h
- Lugar
- Teatro Principal
- Máis información
Entrada individual: 10€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión
Carné xove e menores de 30 anos:
Entrada individual: 8€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 30€+gastos de xestión
SAFFO NOVELLA
Solos e dúos de Barbara Strozzi
DOLCE RIMA
LAURA MARTÍNEZ BOJ soprano
JULIETA VIÑAS ARJONA soprano
XURXO VARELA viola da gamba
PAULA BRIEBA DEL RINCÓN tiorba
Teatro Principal
Luns 7 outubro 2024
21.00h
Na primeira obra da súa produción, Mercè di voi, escrita para dúas sopranos, Barbara Strozzi pregúntase se, quizais, algún día será lembrada como “a nova Safo”, a gran poeta grega de Lesbos creadora da poesía lírica no século VI a.c. Baixo esta inspiración e este título, Saffo novella, preséntase un programa, composto por obras a dúo e a solo con baixo continuo de Barbara Strozzi, imaxinado, investigado e interpretado polo conxunto feminino Dolce Rima, liderado por dúas novas e sensibles artistas como Julieta Viñas e Paula Brieba, rendendo unha singular homenaxe a dúas mulleres que, con séculos de diferencia, desenvolveron a súa arte con toda a liberdade á que unha artista podía aspirar en tan distintas épocas e lugares. Alumna de Francesco Cavalli e criada en Venecia nun entorno intelectual e culturalmente efervescente, no que reinaba a liberdade creativa e ao que, dende moi nova, ten acceso da man do seu pai adoptivo, o poeta Giulio Strozzi, Barbara Strozzi converteuse, cunha vida chea de luces e sombras e que seguramente non resultou nin moito menos regalada, nunha virtuosísima cantante (como foi cualificada) e nunha prolífica compositora. Froito do seu xenio, da súa loita e tenacidade, desenvolveu unha carreira impoñente e chegou a publicar en vida até oito coleccións das súas obras (arietas, arias, cantatas, dúos…), bastante máis que moitos reputados autores do seu tempo. A súa fiel adhesión á forma e ao significado dos textos, ás palabras, a súa particular inspiración para a expresión das emocións e dos sentimentos, da paixón e do sufrimento (como aquela Safo), fana merecedora dun unánime recoñecemento e converten a Barbara Strozzi nunha das figuras musicais máis interesantes do século XVII, nonsóen Italia senón en toda Europa.
PROGRAMA
Barbara Strozzi (1619-1677)
Sonetto Proemio dell’Opera (Il primo libro de Madrigali op. 1, 1644)
I baci (Cantate, ariette e duetti per 2 voci op. 2, 1651)
Mi fa rider (Diporte di Euterpe, overo Cantate e ariette a voce sola op. 7, 1659)
Dal pianto de gli amanti scherniti s’imparo a far la carta (Il Primo Libro de Madrigali op. 1, 1644)
Canarios (Tablature di chitarrone Livre 4, 1640), de Johann Hieronymus Kapsberger (c. 1580-1651)
Begli occhi (Cantate, ariette a una, due e tre voci op. 3, 1654)
Chiamata à Nuovi Amori (Cantate, ariette e duetti op. 2, 1651)
Sospira, amato mio core (Ariette a voce sola op. 6, 1657)
Godere e tacere (Il Primo Libro de Madrigali op. 1, 1644)
La Vittoria (Il Primo Libro de Madrigali op. 1, 1644)
DOLCE RIMA
Dolce Rima foi fundado polas intérpretes valencianas Julieta Viñas e Paula Brieba, cuxos camiños se cruzaron na cidade de Sevilla, atraídas ambas pola axitación cultural da considerada “capital da Música Antiga” en España. Nado como dúo interesado especialmente na conxunción poética e musical, Dolce Rima fai un achegamento á cultura europea dos séculos XVI e XVII, centrando o seu repertorio no Renacemento español dos vihuelistas, no Barroco español e no Seicento italiano. Na actualidade, Dolce Rima é un grupo de formación variable, que conta con asiduos colaboradores segundo as necesidades do programa abordado. Nas súas diferentes formacións, Dolce Rima ofreceu numerosos concertos por toda España dentro dos máis prestixiosos festivais de música dende 2010 até a actualidade. Fóra de España, foi seleccionado para participar na celebración do Ano Murillo en Berlín por Turismo Andalucía, así como no ciclo de concertos Uffizi Live 2017 na Galleria Uffizi de Florencia. Realizaron colaboracións en espectáculos multidisciplinares como a obra de teatro Caravaggio, la luz es la verdad de Luis Agius, representada no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza (2018); en proxectos de ocio cultural creativo coa empresa sevillana Engranajes Culturales; e en medios audiovisuais, como a sonorización do anuncio publicitario de Scriptorium, facsímiles exclusivos (Bocabadats Media, 2014) e a selección e interpretación da banda sonora da curtametraxe Ánima (Besafilms, 2011), de Bebé Pérez, protagonizado pola actriz Ana de Armas. En 2013 realizaron o seu primeiro traballo discográfico dedicado á música para voz e vihuela do Renacemento español, titulado Al alba venid, obtendo unha gran acollida entre a crítica. En 2021 lanzan o seu segundo disco, Saffo Novella, dedicado aos dúos de soprano e baixo continuo da compositora veneciana Barbara Strozzi, tamén con excelentes valoracións na revista Scherzo, CatalunyaPress ou Docenotas, e en 2024 presentaron o seu último disco, Mil pesares, galardoado cun Melómano de Ouro na revista Melómano digital. Dolce Rima foi gañador do Premio Joven Grupo na II Edición dos Premios GEMA 2016 e gañador do Premio Mellor Grupo Barroco (s. XVII) na sétima edición dos Premios GEMA 2022, así como finalista ao Mellor Álbum de Música Clásica, co seu proxecto Saffo Novella, nos XIV Premios MIN e nos Premios +MUSICAS 2022. Dolce Rima pretende rescatar páxinas do pasado, imprimindo na súa interpretación a vida e o sentir do presente para, así, chegar a unha conexión verdadeira co espectador, de xeito que, cando isto ocorre, o grupo sente que o traballo ten merecido a pena.
JULIETA VIÑAS ARJONA soprano
Nada en Valencia, é titulada superior de Canto no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla, baixo a tutela de Rosa María de Alba, e é licenciada en Filoloxía Hispánica (Universidade de Valencia). Obtivo con matrícula de honra o Màster Universitari en Musicologia, Educació Musical i Interpretació de la Música Antiga (ESMUC - UAB) como alumna da soprano Marta Almajano. Estudou Canto Histórico na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) do Porto, con Magna Ferreira, e recibiu clases de grandes mestres como Carlos Mena, Richard Levitt, María Cristina Kiehr, Vincent Dumestre, Claudine Ansermet, Stephan MacLeod, Marco Scavazza, Lambert Climent, Gabriel Garrido, Maria Jonas, Marcel Pérès, etc. É cofundadora, xunto con Paula Brieba, do grupo de música antiga Dolce Rima, co que gravou os discos Al alba venid (2013), formado por pezas renacentistas para voz e vihuela, e Saffo Novella (2021), dedicado aos dúos de soprano e baixo continuo da compositora Barbara Strozzi. Colaborou noutras gravacións como Cantigas de Roma (2014), Cantigas de Alexandría (2015), Cantigas de Ultramar (2016), Cantigas de Jerusalén (2017) e Cantigas del Códice de Toledo (2021), de Afonso X o Sabio, con Eduardo Paniagua (Madrid); Alonso Lobo: Sacred Vocal Music do Coro Victoria (Madrid, 2019); e Sacri Profanis, de Delirivm Musica (Madrid, 2019). Traballa habitualmente con agrupacións como Los Afectos Diversos, Delirivm Musica, Ensemble Kassiani, Exordium Musicae, Vox Tremula, Capela Compostelana, La Bellemont ou Bach Collegium Barcelona e é titular do Coro Victoria de Madrid e do Coro do Teatro Maestranza de Sevilla. Ten actuado como solista en grandes salas españolas como o Palau de la Música Catalana (Barcelona), Auditorio Nacional de Madrid, Auditorio Víctor Villegas (Murcia), Auditorio de Zaragoza, etc. e participou en ciclos e festivais internacionais de música celebrados en España, Portugal, Italia, Francia, Inglaterra, Alemaña, República Checa e Colombia. Foi gañadora da Salvat Beca Bach 2016, outorgada pola Fundació Bach Zum Mitsingen e a Fundació Salvat (Barcelona), e finalista no IV Concurso Internacional de Música Antiga de Xixón (2015). En 2016 recibiu, como cofundadora de Dolce Rima, o premio Grupo Joven 2015 na II Edición dos Premios GEMA (Asociación de Grupos Españoles de Música Antiga).
LAURA MARTÍNEZ BOJ soprano
Soprano especializada en música antiga e interpretación historicamente informada, inmersa nunha ascendente carreira nacional e internacional, foi valorada pola crítica grazas á súa voz “de timbre brillante, áxil nos melismas, de pianos delicados e gusto exquisito” (Núvol). A súa traxectoria como solista está vinculada a agrupacións de fama internacional como La Grande Chapelle (Albert Recasens) e Accademia d’Arcadia (Alessandra Rossi), cos que, ademais de diversas actuacións en directo, ten realizado as producións discográficas Antonio Soler: Obra vocal e Celesti fiori, respectivamente. Tamén é solista dende 2014 do coro Gioia Cantar de Montreaux (Suíza) e corista en Barcelona Ars Nova e no Cor de Cambra Francesc Valls dende 2017. Colabora frecuentemente con ensembles nacionais como Laberintos Ingeniosos (Xavier Díaz-Latorre) e agrupacións emerxentes como Solazzo Ensemble, Cantoría, Zaïre Ensemble ou Dolce Rima. Así mesmo, participa en proxectos de recoñecidos músicos como Pedro Memelsdorff, Eduardo López Banzo, Emilio Moreno, Josep Vila i Casañas, Mónica Pustilnik ou Mara Galassi. Actuou en festivais nacionais e internacionais como o Stockholm Early Music Festival (Suecia), Uffizi Live (Florencia), Festival de Música Antiga de Peñíscola, Festival de Música Antiga de Alarcos, Festival de Música SONA (Monasterio de Sant Llorenç, Cataluña) ou Festival de Música de Piera. As súas presentacións en salas e espazos como L’Auditori, a Basílica da Sagrada Familia, o Museo Frederic Marès, a Casa Milà -La Pedrera ou o programa Assaig General de Radio Clásica amosan a súa implicación na escena cultural de referencia en Barcelona. Do mesmo xeito, internacionalizou a súa carreira actuando en institucións de prestixio como o Auditorio do Parlamento Europeo ou o Instituto Cervantes de Suíza. É titulada no Màster Universitari en Musicologia, Educació Musical i Interpretació de la Música Antiga (ESMUC - UAB), baixo a supervisión de Marta Almajano, e foi bolseira en 2017 pola Fondatione Cini (Venecia) para a realización do seminario Roman de Fauvel, co profesor Benjamin Bagby.
PAULA BRIEBA DEL RINCÓN tiorba
Estuda guitarra clásica no Conservatorio Superior de Música de Valencia e, posteriormente, trasládase a Sevilla para estudar Instrumentos de corda pulsada do Renacemento e Barroco con Juan Carlos Rivera, obtendo o grao superior no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo. En 2015-16 obtivo o Máster en Interpretación da Música Antiga da ESMUC, baixo a tutela de Xavier Díaz-Latorre. Recibiu consellos de laudistas como Hopkinson Smith, José Miguel Moreno, Ariel Abramovich, Eduardo Egüez ou Paul O’Dette. É fundadora do grupo Dolce Rima, grupo gañador do Premio Joven Grupo 2015 na segunda edición dos Premios GEMA (Asociación de Grupos Españoles de Música Antiga). O seu primeiro traballo discográfico, titulado Al alba venid (2013), recolle pezas para voz e vihuela do Renacemento español e, recentemente, gravaron unha integral dos dúos de soprano e baixo continuo da compositora Barbara Strozzi, ambos cunha grande acollida entre os medios especializados. Realiza colaboracións con outros grupos como Artefactum, Estil Concertant, L’Arcadia, Caranzalem, A l’antiga, Ensemble Kassiani u Oniria Ensemble, co que participou na gravación do disco Huehuetenango, entre outros. Ten actuado en prestixiosos festivais de música antiga nacionais e internacionais, como en Berlín co gallo da celebración do Ano Murillo ou no ciclo Uffizi Live 2017 na Galleria Uffizi de Florencia. “O acompañamento da vihuela de Paula Brieba e o seu bo gusto na ornamentación, dan aos vihuelistas un modelo de como facelo” (Michel Stover, Lute Society of America Quarterly). Actualmente é profesora de ICPRB no Conservatorio Superior de Música de Sevilla.
XURXO VARELA viola da gamba
Estudou guitarra co seu pai, violoncello con Clara Groba e Dalibor Sebestik e, posteriormente, comezou en 1993 a estudar viola da gamba co seu mestre Francisco Luengo e canto con Miro Moreira en 1995, ano en que comezaría tamén a súa carreira profesional como violagambista. Xunto con Francisco Luengo publicou os compactos My Singular Entertainment, and Delight (2009) e Le Nymphe di Rheno (2013). Participou en diferentes gravacións con Malandança, Banchetto Musicale, Mudéjar, Axivil Aljamía, etc. Actualmente toca a viola da gamba nos grupos Capela Compostelana, Banchetto Musicale, La Galería del Claroscuro, Ensemble La Chimera, I Colori della Armonia, O Bando de Surunyo, Ensemble Hotteterre, no conxunto de música tradicional portuguesa Cardo Roxo e a “vyola oval” no grupo medieval Malandança. Tamén ten participado en diferentes gravacións de música galega coas compositoras e cantantes María Manuela, Paloma Suanzes, Najla Shamy e Helena de Afonso e ten actuado en festivais por toda Europa e América. Foi profesor de viola da gamba e música de cámara dende 2012 nos cursos de música antiga organizados pola ESML e a ESMAE-IPP en Lisboa, Porto e Mafra, e dende 2009 imparte clases de viola da gamba e música de cámara na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) do Porto, onde obtivo en 2015 o título de Mestre en Interpretación Artística. Participou en diversos talleres sobre a viola da gamba na ESMAE e na Escola Profissional de Música de Espinho, onde tamén tomou parte en clases maxistrais sobre baixo continuo co profesor de laúde da ESMAE Hugo Sánches. No referente a conferencias e clases maxistrais, participa dende hai catro anos nas Jornadas Mundos e Fundos, organizadas pola Universidade de Coimbra. Foi invitado en 2017 pola Universidade de São Paulo para impartir unha conferencia sobre a viola da gamba e os temperamentos históricos, unha clase maxistral de viola da gamba e un concerto a solo. En 2020, pouco antes de comezar a pandemia, foi invitado pola Escola de Música de Brasilia ao 41º CIVEBRA (Curso Internacional de Música) e participou, xunto a Francisco Luengo, Sara Ruiz e Carmina Gonçalves, nos Encontros Ibéricos de Viola da Gamba, organizados pola ESMAE (Porto). Foi director artístico en varios discos do selo Geaster-Diverdi, director artístico e arranxista dos disco-libros de Edicións Xerais de Galicia O meu primeiro Celso Emilio e A Miña Primeira Rosalía (María Manuela, Mini e Mero e Xiana Lastra), Estiñada, Polo correo do vento (grupo Ledicia) e o compacto Para Miguel da cantante María Manuela. Da mesma cantora fixo un arranxo baseado na súa composición Cantar de Berce para a Orquesta Pequeñas Huellas (orquestra xuvenil para a paz), estreada en Turín en 2012. Escribiu dous arranxos, un deles para Cardo Amarelo, dentro do proxecto de divulgación da música popular portuguesa chamado Búzios em Terra Seca, e outro para o conxunto Cardo Roxo, relacionado tamén con Cardo Amarelo. Participou na gravación da música para diversos filmes como Os Crebinsky, O Apóstolo e Vilamor.