BACH, VARIACIÓNS GOLDBERG. A imaxinación como compañeira de viaxe (DIEGO ARES)

Data
Martes, 8 de outubro de 2024
Horario
20.00h
Lugar
Teatro Principal
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 6 concertos: 40€+gastos de xestión

Carné xove e menores de 30 anos:
Entrada individual: 8€+gastos de xestión
Abono 6 concertos: 30€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Compartir

BACH, VARIACIÓNS GOLDBERG
A imaxinación como compañeira de viaxe
DIEGO ARES  clave
Teatro Principal
Martes 8 outubro 2024
20.00h

Nos trinta e dous movementos que conforman as Variacións Goldberg, Johann Sebastian Bach ofrece un perfecto equilibrio entre estrutura, proporción, contrapunto e melodía. Diego Ares, para quen esta incomparable obra ten sido unha inspiración toda a súa vida, ve a clave da súa interpretación na noción de viaxe: unha conmovedora viaxe a diferentes contornas e ambientes, enriquecida por novas experiencias no discorrer das variacións, a última das cales (o Quodlibet) define un terapéutico regreso á casa do compositor, a un salón que case podemos imaxinar ao escoitar esta recreación dun serán familiar dos Bach entre músicas populares. Unha mensaxe profunda e humanista e un punto de vista dende o que, en escasas ocasións, se teñen abordado as Variacións Goldberg son os que ofrece o vigués Diego Ares, quen, con tres Diapasons d'Or ás súas costas e a estima que lle profesan os seus colegas e o público, se consolidou como un dos clavecinistas máis salientables da súa xeración. Estas variacións levan o nome do clavecinista e discípulo de Bach, Johann Gottlieb Goldberg, un virtuoso dos instrumentos de teclado que, segundo a lenda, debía entreter as noites de insomnio do conde Hermann Carl von Keyserlingk con esta serie inimitable de variacións, as cales, na súa sucesión de recoñecibles danzas (zarabanda, passepied, giga, courante, minueto, allemande…), entre as que, cada tres, Bach desafía a imaxinación do intérprete cun canon, se teñen convertido nun monumento fundamental do repertorio para teclado e unha referencia esencial para pensar a música ás seguintes xeracións de creadores.

PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Adagio BWV 968

Aria con trinta variacións BWV 988 (VariaciónsGoldberg)

          Aria

          Variación 1
          Variación 2
          Variación 3            Canon ao Unisuono
          Variación 4
          Variación 5
          Variación 6            Canon á Segunda
          Variación 7            al tempo di Giga
          Variación 8
          Variación 9            Canon á Terceira
          Variación 10          Fughetta
          Variación 11
          Variación 12          Canon á Cuarta
          Variación 13
          Variación 14
          Variación 15          Canon á Quinta   andante
          Variación 16          Ouverture
          Variación 17
          Variación 18          Canon á Sexta
          Variación 19
          Variación 20
          Variación 21          Canon á Sétima
          Variación 22          alla breve
          Variación 23
          Variación 24          Canon á Oitava
          Variación 25          adagio
          Variación 26
          Variación 27          Canon á Novena
          Variación 28
          Variación 29
          Variación 30          Quodlibet

          Aria da capo

DIEGO ARES  clave
Con tres Diapasons d'Or ás súas costas e a estima que lle profesan os seus colegas e o público, Diego Ares consolidouse como un dos clavecinistas máis influentes da súa xeración. Nado en Vigo, estudou piano con Aleksandras Jurgelionis e Aldona Dvarionaitė e clave con Pilar Cancio, Richard Egarr, Genoveva Gálvez e Carmen Schibli.
Ofreceu recitais no Festival de Piano de Roque d'Anthéron, Abbaye de Royaumont, Quincena Musical Donostiarra, Festival de Iturbi, Festival de Santander, Festival de Granada, Festival de Música Antiga de Utrecht, Festival Bach de Tokio, Festival de Davos, Musiq'3 (Bruxelas), Festival de Música de Cámara de Oslo, etc. Como solista ten colaborado coa Orquestra de Cámara de Xenebra, a Orquestra Sinfónica de Bretaña, a Orquestra de Cámara de Granada, a Orquestra da Sociedade Bach dos Países Baixos, a Orquestra Bética de Cámara, etc.
Compaxina a súa carreira como solista coa de músico de cámara, colaborando con artistas como Laura Andriani, Hille Perl, Josetxu Obregón, Rachel Podger, Ignacio Prego, Shunske Sato, Maurice Steger e Lina Tur Bonet.
Gravou para Columna Música (dous concertos para clave de J. S. Bach), Pan Classics (obras de Antonio Soler e Domenico Scarlatti), Harmonia Mundi (sonatas inéditas de Antonio Soler e as Variacións Goldberg de J. S. Bach), Ibs-Classical (a obra completa para clave de Sebastián de Albero, pendente de publicación) e Mirare (sonatas para clave e viola da gamba de J. S. Bach, xunto a Margaux Blanchard). Tamén colaborou no proxecto All of Bach e na gravación da City Light Symphony Orchestra sobre John Williams, tocando a parte para clave de As aventuras de Tintín (selo Prospero). Os seus discos teñen sido acollidos con entusiasmo pola crítica especializada (tres veces "Excepcional" por Scherzo, tres Diapason d'Or, "Maestro" por Pianiste, Preis der Deutsche Schallplattenkiritk, "Choc" pola revista Classica, etc.).
Foi profesor no Conservatorio de Trossingen (Alemaña), na Academia de Verán de Gstaad (Suíza), no Conservatorio de Xenebra e na Academia de Verán de Grajal de Campos (León).

Próximos eventos Ver axenda