Ciclo «Cinema, Doc, Música» (Ateneo Barroco 2024)

Data
Mércores, 9 de outubro de 2024
Horario
19.40h
Lugar
Numax (Rúa Concepción Arenal, 9)
Máis información

Venda de entradas
           4€  (abonados Numax e abonados Festival Ateneo Barroco)
           4,60€ (maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregadas e carné xove)
           5,90€ (público xeral)

Web Ateneo Barroco

Web de Numax

Compartir

Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco reedita a súa achega de oferta cinematográfica e documental. Relacionadas directa ou indirectamente cos programas, os filmes que cada edición propón o festival enriquecen os seus contidos e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas. 

O Festival Ateneo Barroco, na súa sexta edición, estrea un novo espazo, o cinema Numax, e así, en colaboración con esta multidisciplinar sala de cinema e libraría, que dende a súa inauguración en 2015 se converteu nunha indiscutible referencia da vida cultural compostelá e galega, suporá a primeira proxección en Santiago de Die Stille vor Bach (O silencio antes de Bach), un filme de Pere Portabella inspirado na figura do gran mestre do Barroco e da historia da música Johann Sebastian Bach, un dos protagonistas salientables do festival, onde o xenio de Pere Portabella se aproxima á música, e aos oficios que a rodean, a través da figura de Bach e lanza a súa persoal ollada ás profundas relacións dramatúrxicas que existen entre imaxe e música.

DIE STILLE VOR BACH (O silencio antes de Bach)
Pere Portabella. Filme, España, 2007. 102'
Presentan: Xan Gómez Viñas e José Víctor Carou
Numax (Rúa Concepción Arenal, 9)
Mércores 9 outubro 2024
19.40h

Na particular achega de Pere Portabella a música non se concibe como un mero subliñado subsidiario da imaxe senón como suxeito paritario do relato. Pere Portabella parte dunha estrutura musical previa e a banda sonora nútrese de obras de Bach, de dúas sonatas de Felix Mendelssohn e dun estudo de Gyorg Ligety, que crean unha bóveda arquitectónica baixo a cal transcorre a historia do filme. Die Stille vor Bach é un paseo polos séculos XVIII, XIX e XXI da man de Johann Sebastian Bach e Pere Portabella, o cal, entre outros galardóns, mereceu o Premio Especial do Xurado do Festival de Xixón. 

Johann Sebastian Bach (1685-1750), o gran músico do barroco alemán, trasládase a Leipzig coa súa familia para desempeñar a función de Cantor na Escola de Santo Tomás. Bach, un fervente devoto e un incansable traballador, é, ademais, modesto e a súa posición social dista moito de ser privilexiada. O recoñecemento á súa música aínda non se ten producido, o talento que imprimirá ás súas composicións irá medrando co paso dos anos. A grandeza outorgaranlla definitivamente os séculos vindeiros. Arredor deste argumento, case anecdótico, a historia ábrese cara a un profundo tecido onde están presentes a arte, a historia e, sobre todo, o traballo e disciplina que supón a creación musical, os oficios e os pequenos labores que a rodean.

Dende os anos sesenta Pere Portabella mantivo un compromiso político, reivindicando as liberdades democráticas individuais e colectivas inherentes a un estado de dereito. Foi elixido senador nas primeiras eleccións democráticas e participou na comisión para a redacción da Constitución Española. Entre 1980 e 1988 foi deputado do Parlamento Autonómico de Cataluña e en 1999 foi distinguido con La Creu de Sant Jordi, máximo recoñecemento outorgado pola Generalitat de Cataluña. Dende 2001 preside a Fundación Alternativas. Coa súa produtora Films 59, impulsou algunhas das producións emblemáticas do cinema español: Los Golfos de Carlos Saura (1959), El Cochecito de Marco Ferreri (1960) ou Viridiana de Luis Buñuel (1961). A través da mesma produtora e como realizador, dirixe as súas propias creacións, unindo a herdanza da cultura de vangarda coas linguaxes de ruptura. Os seus filmes Vampir-Cuadecuc (1970) e Umbracle (1972) constitúen intervencións radicais nas institucións cinematográfica e artística. Máis de cinco décadas de relevante presenza avalan a traxectoria como cineasta de Pere Portabella, cunha longa paréntese marcada pola súa dedicación ao eido político-institucional durante a transición, que media entre Informe General (1976) e a recuperación da súa práctica como cineasta e produtor na década dos noventa. Os seus filmes forman parte do fondo artístico de grandes centros de arte, museos e institucións, como o Macba (Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona), o Centro George Pompidou de París ou o MoMA (Museo de Arte Moderno) de New York. Foi convidado a prestixiosos certames artísticos, como o Documenta 11 (Kassel, 2002), e mereceu homenaxes e retrospectivas da súa obra no Festival Internacional de Cine Independente de Bos Aires e a Mostra Internacional de Novo Cinema de Pesaro, así como en institucións, como o Centro George Pompidou ou o MoMA neoiorquino, e en museos de Filadelfia, Baltimore, Chicago, etc. As súas catro curtas sobre Joan Miró foron parte salientable da exposición Miró: Tierra, organizada polo Museo Thyssen-Bornemisza. O filme Die Stille vor Bach foi seleccionado para a 64ª Mostra Internacional de Arte Cinematográfico de Venecia, na sección Orizzonti, e recibiu o Premio Especial do Xurado no 45º Festival Internacional de Cine de Xixón, ademais de estrearse en primicia para Norteamérica en 2007 no MoMA, formando parte da retrospectiva da súa obra, e recibir o premio Mikeldi de Honra no 49º Festival Internacional de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao e o premio Ciutat de Barcelona 2007 de Audiovisuais. En 2008 Portabella roda Mudanza, unha homenaxe a Federico García Lorca, creada para a exposición internacional Everstill/Siempetodavía, comisariada por Hans Ulrich Obrist e estreada na Horta de San Vicente, Casa-Museo de Federico García Lorca en Granada e, en 2015, Informe General II: El nuevo rapto de Europa. Pere Portabella foi investido en 2009 Doutor Honoris Causa pola Universidade Autónoma de Barcelona. Recentemente, o Festival de Venecia rendeulle unha homenaxe aos seus 97 anos de idade, coa estrea do documental Constelación Portabella, o cal, dirixido por Claudio Zulian, resume toda a súa traxectoria política e cinematográfica.

A proxección de Die Stille vor Bach (O silencio antes de Bach) estará presentada por Xan Gómez Viñas (xornalista, investigador e programador do Cinema Numax) e José Víctor Carou (director artístico do Festival Ateneo Barroco).

Próximos eventos Ver axenda