Debate sobre «República luminosa» de Andrés Barba
- Data
- Martes, 22 de outubro de 2024
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
O martes, 22 de outubro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra República luminosa de Andrés Barba.
A aparición de trinta e dous nenos violentos de procedencia descoñecida trastoca por completo a vida de San Cristóbal, unha pequena localidade tropical encaixada entre a selva e o río. Vinte anos despois, un dos seus protagonistas redacta esta República luminosa, unha crónica tecida de feitos, probas e rumores sobre como a cidade se viu obrigada a reformular non só a súa idea da orde e a violencia senón ata a mesma civilización durante aquel ano e medio en que, ata a súa morte, os nenos tomaron a cidade.
Andrés Barba (Madrid, 1975) deuse a coñecer en 2001 con La hermana de Katia (finalista do Premio Herralde de Novela), á que seguiron dous libros de nouvelles titulados La recta intención e Ha dejado de llover (Premio Nord-Sud), e sete novelas máis, que o alzaron como unha das figuras máis importantes da súa xeración: Ahora tocad música de baile, Versiones de Teresa (Premio Torrente Ballester), Las manos pequeñas, Agosto, octubre, Muerte de un caballo (Premio Juan March), En presencia de un payaso e República luminosa (Premio Herralde de Novela, Prix Frontières e finalista do Premio Gregor von Rezzori). É tamén autor dos ensaios La ceremonia del porno (coescrito con Javier Montes e Premio Anagrama de Ensayo) e La risa caníbal, así como das biografías literarias Te miro para que te quedes e Vida de Guastavino y Guastavino. No terreo poético escribiu Crónica natural e Libro de las caídas. Como tradutor publicou versións de Melville, James, Conrad e De Quincey, entre outros moitos autores, e é coeditor e creador, xunto a Alberto Pina, da editorial de libros de artista «El cañón de Garibaldi». Foi profesor convidado na Universidade de Princeton e obtivo bolsas e residencias da Rockefeller Foundation, a Academia de España en Roma e a New York Public Library. A súa obra foi traducida a vinte e dous idiomas nalgunhas das editoriais máis prestixiosas do mundo.