Conferencia «A planificación da sucesión hereditaria en Galicia» de Ángel Rebolledo
- Data
- Luns, 28 de outubro de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 28 de outubro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «A planificación da sucesión hereditaria en Galicia», que estará impartida por Ángel Rebolledo, Catedrático de Dereito Civil da USC.
Ángel Luis Rebolledo Varela, Licenciado e Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é Profesor Titular de Universidade dende 1984 e Catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela dende 1989, tendo compatibilizado durante varios anos a súa actividade académica coa de avogado en exercicio nos Ilustres Colexios de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense e Madrid. Dirixiu varios proxectos de investigación financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e Ciencia sobre o Dereito civil de Galicia, o dereito constitucional de acceso á vivenda, así como sobre a actualización do dereito sucesorio ante os cambios sociolóxicos e xurídicos da familia. Participou como director, profesor, relator e conferenciante convidado en diversos Congresos, Másteres, Cursos de Formación, Seminarios e Xornadas técnicas destinados a Letrados, Procuradores, Xuíces e Maxistrados e outros profesionais xurídicos, organizados por Universidades, Colexios de Avogados, Consello Xeral do Poder Xudicial e outras institucións. A través das relacións institucionais e de convenios entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago interviu como director e investigador na elaboración de varios anteproxectos de textos lexislativos posteriormente aprobados polo Parlamento de Galicia. É autor de varias monografías e de numerosos estudos e publicacións en materias propias da súa especialidade en Dereito Civil, o dereito civil de Galicia, fundamentalmente relacionadas co dereito de familia e sucesións, servidumes, arrendamentos urbanos e propiedade horizontal.