Conferencia «Diversas formas de habitar Santiago: cidade, territorio, paisaxe» de Cristina García Fontán

Data
Luns, 4 de novembro de 2024
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 4 de novembro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Diversas formas de habitar Santiago: cidade, territorio, paisaxe», que estará impartida por Cristina García Fontán, Profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Entendendo o desexo como motor de cambio, como unha motivación profunda e complexa, arraigada nas relacións entre as persoas e co mundo que nos rodea, o cambio cara a outras formas de habitar o territorio é necesario e posible. Os retos da cidade contemporánea ou das formas de habitar contemporáneas pasan por entender os procesos de transformación aos que nos vemos abocados. O cambio climático, a crise enerxética, a produción de alimentos, a calidade do aire, a vivenda, a calidade de vida, a saúde, etc. son os grandes retos da planificación e o urbanismo actual. É necesario reflexionar sobre os límites contemporáneos do habitar, as formas de vida e as oportunidades de reagrupación territorial. O caso de Santiago presentarase como eixo do debate, os seus límites, as súas oportunidades e os retos a escala territorial e urbana.

Cristina García Fontán é Doutora arquitecta pola Universidade da Coruña na especialidade de Urbanismo, Máster en Advanced Architecture polo Berlage Institute de Rotterdam e Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Profesora Contratada Doutora na Universidade da Coruña, coordinou o Grao en Paisaxe e imparte docencia na Área de Urbanística e Ordenación do Territorio da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña no Grao en Arquitectura e o Grao en Paisaxe, ademais de coordinar o grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC que desenvolve proxectos de investigación sobre o hábitat, sostebilidade e cambio climático. Impartiu docencia na Architectural Association de Londres, programas de Posgrao da Escola de Arquitectura de Costa Rica, Universidade Nacional Autónoma de México, Universidade de Curitiba e a Universidade de Lovaina, entre outras. Actualmente dirixe un proxecto de cooperación en Mozambique e participa en diversos proxectos de investigación sobre paisaxe, ordenación territorial, planificación estratéxica de infraestruturas verdes e hábitat sostible. Como especialista en deseño do espazo público e equipamentos, paisaxe e sostebilidade, vén desenvolvendo o exercicio libre da profesión dende o ano 2002, redactando e executando proxectos de paisaxe, rehabilitación e edificación. Nos últimos anos recibiu recoñecemento de traballos e proxectos arquitectónicos e urbanísticos e o seu traballo foi exposto en diversos foros internacionais como a New European Bauhaus, na exposición Visions from Spain, en Bruselas xuño 2022. A exposición realizada para a Cidade da Cultura, «Paisaxes Incultas. Metamorfose do monte galego», recibiu un premio dos XX Premios COAG no ano 2023.

Próximos eventos Ver axenda