Faladoiro «Cidadanía e turismo»
- Data
- Martes, 26 de novembro de 2024
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 26 de novembro, ás 19.00 horas o Ateneo de Santiago ten programado no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º) un Faladoiro titulado «Cidadanía e turismo».
No acto, que estará presentado por Francisco Candela, Presidente do Ateneo de Santiago, participarán a Asociación de Veciños do Casco Histórico, a Asociación deVeciños do barrio de San Pedro, a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA) e a Plataforma de Galeras.
Este Faladoiro xorde pola preocupación existente nun amplo conxunto da cidadanía arredor da evolución do turismo que experimentou Santiago de Compostela, especialmente no último decenio, e que produciu un forte impacto sobre o casco histórico da cidade derivado dun crecente proceso de expulsión dos residentes e do comercio tradicional e de colonización turística neste espazo urbano Patrimonio da Humanidade, ao tempo que se constata unha perda de autonomía municipal na xestión dos fluxos turísticos, por unha parte, e a carencia dun posicionamento estratéxico e unha perspectiva de longo prazo no desenvolvemento da cidade que permita o establecemento de actuacións coherentes cos obxectivos de futuro que han de definirse co consenso e participación das entidades políticas, sociais e cidadás.
Nesta liña de traballo, e coa intención de dialogar e propoñer ideas e accións a desenvolver polos distintos actores e entidades públicas e privadas da cidade de Santiago de Compostela, xorde este Faladoiro aberto que pretende ser un punto de referencia no debate cidadán xa que non é posible illar a xestión do turismo da do global da cidade.