Debate sobre «Ropa de casa» de Ignacio Martínez de Pisón
- Data
- Martes, 7 de xaneiro de 2025
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Sala de Actividades do Ateneo de Santiago
O martes, 7 de xaneiro, ás 17.30h na Sala de Actividades do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Ropa de casa de Ignacio Martínez de Pisón.
Ropa de casa é o apaixonante retrato de formación dun dos autores máis sólidos da narrativa española, Ignacio Martínez de Pisón, que foi un neno no Logroño dos anos sesenta, mozo na Zaragoza dos setenta e aprendiz de novelista na Barcelona dos oitenta. A primeira parte da súa vida transcorre nunha familia feliz ata a morte temperá do seu pai, anos cruciais dos que se nutre o seu mundo literario. Esta obra constitúe unha memoria literaria que reflicte os fondos cambios vividos pola sociedade española, que en moi pouco tempo pasa dunha rancia ditadura a unha democracia consolidada que se integra en Europa.
Ignacio Martínez de Pisón naceu en Zaragoza en 1960 e reside en Barcelona dende 1982. É autor de máis de quince libros, entre os que destacan as novelas La ternura del dragón (1984); Carreteras secundarias (1996); El tiempo de las mujeres (2003); Dientes de leche (2008), galardoada co Premio San Clemente e o Premio Giuseppe Acerbi; El día de mañana (2011), pola que recibiu o Premio da Crítica, o Premio Ciutat de Barcelona e o Premio das Letras Aragonesas; La buena reputación (2014), Premio Nacional de Narrativa e Premio Cálamo ao Libro do Ano; Derecho natural (2017); Fin de temporada (2020) e Castillos de fuego (2023). Tamén publicou os ensaios Enterrar a los muertos (2005), que obtivo os premios Rodolfo Walsh e Dulce Chacón e foi unanimemente eloxiado pola crítica en varios países europeos, e Filek. El estafador que engañó a Franco (2018), así como o libro de relatos Aeropuerto de Funchal (2009). A súa obra está traducida a unha ducia de idiomas.