Debate sobre «Material de construcción» de Eider Rodríguez

Data
Martes, 21 de xaneiro de 2025
Horario
17.30h
Lugar
Sala de Actividades do Ateneo de Santiago
Compartir

O martes, 21 de xaneiro, ás 17.30h na Sala de Actividades do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Material de construcción de Eider Rodríguez.

Material de construcción, primeira novela de Eider Rodríguez, recolle os fragmentos dun pai para reconstruír, dende diferentes perspectivas e cun estilo brutal e descarnado, o relato dunha familia, dunha época e dun lugar, sacando á luz os cauces subterráneos polos que circulan o amor e a vida dentro das estreitas marxes da contorna familiar. Nesta novela, a pesar de vivir na mesma casa durante moitos anos, un pai alcólico e a súa filla apenas teñen trato. Non se falan nin se tocan pero as miradas, os olores e os sons sérvenlles de vínculo. E o silencio, iso que non se quere e non se pode dicir, é máis un campo de batalla que unha fortaleza.

Eider Rodríguez naceu en Rentería (Euskadi) en 1977. Os seus pais, traballadores nunha empresa familiar de material de construción, vían a educación como unha ferramenta de ascenso social e transmitíronlles ás súas fillas a importancia da cultura en xeral e da lectura en particular. Cursou estudos na Universidade do País Vasco, na Sorbonne Nouvelle de París e na Universidade Complutense de Madrid. Licenciada en Publicidade, é doutora en literatura. Sendo editora, publicou o seu primeiro libro de relatos, Y poco después ahora, aos 26 anos, ao que lle seguiron Carne (2007), Un montón de gatos (2010) e Un corazón demasiado grande (2017), galardoado cos premios Euskadi de Literatura e Euskadi de Prata. Literatura Random House publicou unha antoloxía co mesmo título que inclúe os relatos do seu último libro e unha selección dos seus mellores contos anteriores. Ademais, tamén cultivou outros xéneros como a banda deseñada (Santa familia), o ensaio (El cuerpo de las escritoras e El mar es el único camino) e a tradución (Le bal, de Irène Némirovsky). Tamén foi guionista e tradutora e actualmente traballa de profesora na área de Lingua e Literatura da Universidade do País Vasco en Donostia-San Sebastián.

Próximos eventos Ver axenda