Debate sobre «Un anarquista» de Diego Ameixeiras
- Data
- Martes, 4 de febreiro de 2025
- Horario
- 17.15h
- Lugar
- Sala de Actividades do Ateneo de Santiago
O martes, 4 de febreiro, ás 17.15h na Sala de Actividades do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Un anarquista de Diego Ameixeiras.
Un anarquista conta a historia de Miguel Duarte, un mozo de vinte anos, que acaba de chegar á cidade de Barcelona na primavera de 1977 para traballar de camareiro no Nebraska, un bar das Ramblas onde o patrón soña con películas do Oeste. Miguel vive agardando algunha experiencia que o eleve por enriba da súa timidez e para iso está Montse, unha estudante de familia acomodada pola que se sente atraído dende hai tempo e coa que experimentará o amor, o sexo, os praceres da vida. A cidade, disposta a pisar o acelerador da historia, experimenta un renacemento do movemento anarquista que se enfronta aos consensos da Transición. Alí, Duarte (para algúns un personaxe desconcertante, que é capaz de acoitelar un home por vinganza, e para outros enérxico militante antiautoritario) verase envolto nesa corrente que o arrastrará ata o caso Scala. Entre a ficción e a crónica histórica, cun pé nos feitos reais e outro na pura fabulación, esta novela recrea os sucesos máis vibrantes daquela breve primavera libertaria. Unha loita social que sería desbaratada en xaneiro de 1978 polos servizos de intelixencia da Policía.
Diego Ameixeiras naceu en Lausanne (Suíza) en 1976 pero criouse en Ourense, cidade que rebautizou nas súas narracións como Oregón. Xornalista por formación e guionista por dedicación, Ameixeiras ten cultivado con asiduidade o xénero negro, onde, como todo autor que se prece, tamén creou a súa particular versión do detective sagaz na persoa de Horacio Dopico. Como narrador estreouse con Baixo mínimos (2004), á que seguiu, pouco despois, O cidadán do mes (2006), parodias do hard-boiled que se configuran como pulp. Tras elas viñeron a benhumorada Tres segundos de memoria (2006) ―Premio Xerais de Novela―, a dura Dime algo sucio (2009) ―Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón―, a ficción política Asasinato no Consello Nacional (2010) ―Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano―, a convulsa Historias de Oregón (2011) ―Premio Novela por entregas La Voz de Galicia―, a escrita de inspiración real recreada en Todo OK (2012), o anoxador mundo dos tabeiróns bancarios de Matarte lentamente (2013), o retrato da precariedade de Conduce rápido (2014) ―Premio Antón Losada Diéguez de Creación Literaria 2015 e finalista Premio Hammett 2017―, a metaliteraria A noite enriba (2015) ―que homenaxea a David Goodis―, A crueldade de abril (2018), O cervo e a sombra (2021) ―Premio Nacional da Crítica, Premio Follas Novas, Premio Pata Negra-Domingo Villar e finalista do Premio Hammett―, e Un anarquista (2024). Posuidor dun estilo áxil e directo, caracterizado pola absoluta economía expresiva, Ameixeiras dosifica a información para crear estruturas transparentes nas que as vidas dos seus personaxes van encaixando en tramas cruzadas que teselan a realidade que os circunda, na que abundan as historias de delincuentes, a intriga política e as atmosferas opresivas e violentas. Traducido ao castelán, catalán, alemán e italiano e incluído na antoloxía de autores arxentinos e españois Charco negro (2013), Ameixeiras é colaborador de La Voz de Galicia e O Salto e ten realizado incursións no xénero teatral, como en O aniversario (2016), que tivo unha lectura dramatizada na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela da que participaron profesionais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia baixo a dirección de Artur Trillo, e na novela gráfica como guionista en Os Suicidantes (2023).