Debate sobre «La llamada» de Leila Guerriero

Data
Martes, 11 de marzo de 2025
Horario
17.30h
Lugar
Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Compartir

Os martes, 11 e 25 de marzo, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra La llamada de Leila Guerriero.

La llamada é o retrato da arxentina Silvia Labayru, unha militante aguerrida que, con vinte anos e embarazada de cinco meses, foi secuestrada por militares da ditadura e trasladada á ESMA, a Escola de Mecánica da Armada, un centro de detención clandestino onde se torturaba e asesinaba a milleiros de persoas. Alí tivo á súa filla que, unha semana máis tarde, foi entregada aos avós paternos, e foi torturada, obrigada a realizar traballo esclavo, violada reiteradamente por un oficial e forzada a representar o papel de irmá de Alfredo Astiz, un membro da Armada que se infiltrara na organización Madres de Plaza de Mayo, un operativo que terminou con tres nais e dúas monxas francesas desaparecidas. Tras ser liberada en 1978 e trasladarse a Madrid, os arxentinos no exilio repudiárona e acusárona de traidora. Unha historia complexa na que se mesturan o amor, o sexo, a violencia, o humor, os fillos, os pais, a infidelidade, a política, os amigos, as mudanzas e na que sobrevoa unha chamada telefónica que, realizada dende a ESMA o 14 de marzo de 1977, lle salvou a vida.

Leila Guerriero (Arxentina, 1967) é xornalista. O seu traballo publícase en diversos medios como La Nación e Rolling Stone, de Arxentina; El País, de España; Gatopardo, de México, e El Mercurio, de Chile, entre outros. É editora para América Latina da revista mexicana Gatopardo e publicou os libros Los suicidas del fin del mundo, Frutos extraños, Una historia sencilla, Zona de obras, Plano americano, Opus Gelber. Retrato de un pianistaLa otra guerra, La llamada e La dificultad del fantasma. En 2010 o seu texto «El rastro en los huesos», publicado en El País e en Gatopardo, recibiu o premio CEMEX+FNPI. Algúns dos seus libros foron traducidos ao inglés, o francés, o italiano, o alemán, o portugués, o sueco e o polaco.

Próximos eventos Ver axenda