Debate sobre «Elogio de las manos» de Jesús Carrasco
- Data
- Martes, 22 de abril de 2025
- Horario
- 17.15h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago

Os martes, 8 e 22 de abril, ás 17.15h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra Elogio de las manos de Jesús Carrasco.
En Elogio de las manos o narrador e a súa familia chegan en 2011 por azar a unha vivenda case en ruinas situada nunha pequena localidade do sur de España. Un acordo co propietario permitiríalles facer uso dela mentres el encontraba financiamento para construír alí uns apartamentos. Era só cuestión de tempo que a casa fora derribada. Con todo, durante os anos seguintes, pasaron longos períodos nela, reparándoa coas súas propias mans, transformándoa nun acolledor lugar de encontro e celebración. Alí recibiron a veciños e amigos, compartindo con eles comida, música, traballo e risas, e tamén chegaron a convivir cunha ducia de galiñas, varios cabalos e burros, dous cans e algún rato, mais nunca perderon de vista que terminarían chegando as máquinas escavadoras, o que convertiu a experiencia naquela casa nunha elocuente metáfora da vida: entregámonos a ela aínda sabendo que remata.
Jesús Carrasco naceu en Olivenza (Badaxoz) en 1972. A súa primeira novela, Intemperie (Seix Barral, 2013), consagrouno como un dos debuts máis brillantes do panorama literario internacional e foi galardoada co Premio Libro do Ano outorgado polo Gremio de Libreiros de Madrid, o de Cultura, Arte e Literatura da Fundación de Estudos Rurais, o English PEN Award e o Prix Ulysse á Mellor Primeira Novela, ademais de quedar finalista do Premio de Literatura Europea en Holanda e do Prix Méditerranée Étranger en Francia. Elixida como Libro do Ano por El País en 2013 e seleccionada por The Independent como unha das mellores novelas traducidas de 2014 en Reino Unido, Intemperie foi publicada en 28 linguas e foi adaptada ao cine por Benito Zambrano. A súa segunda novela, La tierra que pisamos (Seix Barral, 2016), foi galardoada co Premio de Literatura da Unión Europea e o seu seguinte libro, Llévame a casa (Seix Barral, 2021), ganou o XVII Premio Dulce Chacón de Narrativa Española e o Premio Casino de Santiago. Elogio de las manos (Seix Barral, 2024) é a súa última novela e xa obtivo o Premio Biblioteca Breve 2024.