Conferencia «Europa e a paz» de Francisca Sauquillo
- Data
- Luns, 13 de xaneiro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 13 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Europa e a paz», que estará impartida pola avogada Francisca Sauquillo, Presidenta de Honra do Movemento pola Paz.
Francisca Sauquillo Pérez del Arco, avogada, feminista e defensora dos Dereitos Humanos nacida en Madrid, dedicou a súa vida á defensa de causas sociais, tendo recibido ao longo da súa traxectoria numerosos galardóns pola súa labor social e en favor dos Dereitos Humanos, como os premios Muller Europea (1993), Muller Progresista (1996), Cooperación co Mundo Árabe (1998), Silver Rose (2006), a Gran Cruz de Ouro da Solidariedade Social e Dereitos Humanos da Avogacía, o III Premio Rojana ‘Alfredo Pérez Rubalcaba’ e o Premio InfoLibre 2024, entre outros. Fundadora e Presidenta dende 1984 da ONG Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL), actualmente é a súa Presidenta de Honra, ademais de Vicepresidenta da Plataforma do Voluntariado de España, Vogal de comunicación da Plataforma do Terceiro Sector, editora da revista Tiempo de Paz, membro da Asociación Mulleres Parlamentarias para a Paz, relatora e organizadora de encontros internacionais sobre muller, xustiza universal, desenvolvemento e paz. Vencellada a movementos cristiáns de base durante o tardofranquismo, foi fundadora da primeira Asociación de Veciños de España, creada en 1965 en Palomeras Bajas (Vallecas) e, posteriormente, contribuíu á constitución de moitas máis Asociacións de Veciños en Madrid e á Federación de Asociacións de Veciños. Presidenta do Consello de Consumidores e Usuarios (CCU) de España (2006-2013), do Comisionado para a Memoria Histórica da cidade de Madrid (2016-2018) e de SOLIDAR (ata 2022), rede europea de ONGs que traballa para promover a xustiza social en Europa e en todo o mundo, é autora de numerosos libros, artigos e ponencias sobre o desarme, a paz, os dereitos humanos, a resolución negociada de conflitos, a axuda humanitaria, a cooperación para o desenvolvemento, a inmigración e os movemeentos feministas. Na súa faceta política, foi deputada da Comunidade Autónoma de Madrid (1983-1994), senadora nas Cortes Xerais ata 1994 e europarlamentaria de 1994 a 2004, onde coordinou a Comisión de Desenvolvemento do Grupo Parlamentario do Partido Socialista Europeo.