Conferencia «Dúas culturas: a ciencia na literatura galega» de Francisco Díaz-Fierros

Data
Luns, 27 de xaneiro de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 27 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Dúas culturas: a ciencia na literatura galega», que estará impartida por Francisco Díaz-Fierros, Catedrático da Universidade de Santiago.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira é Doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago (1967) e Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola (1987-2010), Catedrático Emérito (2011-2013) e “Ad Honorem” (2014-2015), así como Profesor na Universidade de Santiago de Compostela nas facultades de Farmacia e Bioloxía e na Escola de Enxeñería Ambiental, e Profesor de Terceiro Ciclo nas universidades de Santiago, Coruña, Oviedo, Granada, Valencia, Lleida, Alicante, Madrid e Barcelona e na Internacional Menendez y Pelayo. Os seus traballos de investigación dedicáronse ao estudo dos solos (propiedades físicas, cartografía, capacidade productiva, erosión e degradación), especialmente no relativo aos de Galicia e, en xeral, da zona húmida española. Así mesmo, estudou a climatoloxía agrícola e as consecuencias sobre os ecosistemas terrestres do cambio climático. A calidade das augas fluviais en relación coas actividades agrarias así como os efectos dos incendios forestais sobre augas e solos foron outros tantos temas de investigación. Finalmente, realizou tamén estudos e traballos sobre a historia da ciencia en Galicia e as relacións entre a ciencia e a sociedade. Dirixiu 31 teses de licenciatura e 27 teses doctorais. Foi autor ou coautor de 22 libros e coordinador xeral doutros 30. Tamén foi autor ou coautor de 84 capítulos de libros e de 230 traballos de investigación en revistas de difusión nacional e 120 de difusión internacional. Ten 111 comunicacións a congresos e 85 traballos noutros formatos (Enciclopedias, limiares, etc.) e foi investigador principal de 42 proxectos de investigación. En 1968 foi bolseiro da Fundación “Juan March” e, en 1973, da Fundación “Barrié de la Maza”. Foi presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e director do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela. Dende 1980 é presidente do novo Seminario de Estudos Galegos e foi Vicepresidente do Consello da Cultura Galega (2002-2011) e membro do Council of the European Soil Conservation Society e do Comité Científico estatal de Parques Nacionales. Acádemico correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia (1992) e numerario da Academia de Farmacia de Galicia (2000), desde o ano 2002 é membro numerario da Real  Academia Galega. Recibiu entre outros premios e distincións, no ano 1980, o de Investigación da Deputación de Pontevedra; en 1997, o Premio da Crítica de Galicia (Investigación); no ano 2008, o Premio Nacional de Cultura Galega en “Pensamento e Cultura Científica”; e en 2016, o “Peña Novo”.