Conferencia «A escrita de Neira Vilas no ámbito do xornalismo» de Xosé López
- Data
- Luns, 3 de febreiro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 3 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas, ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «A escrita de Neira Vilas no ámbito do xornalismo», que estará impartida por Xosé López, Catedrático de Xornalismo da USC.
Xosé López García foi Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación dende 1997 ata 2004. Licenciado en Ciencias da Comunicación, sección de Xornalismo, pola Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Complutense de Madrid e Doutor pola Universidade de Santiago, alternou a súa faceta como xornalista coa de docente durante longo tempo. Foi redactor durante vinte anos en medios de comunicación galegos como A Nosa Terra, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, onde chegou a ocupar a delegación de Santiago durante oito anos. Correspondente en Galicia de Cinco Días, Actualidade Agragia e El Temps, entre outros medios, completa a súa tarefa xornalística coas colaboracións en Antena 3 Radio, Ondas Galicia e Radio Voz. Como docente, ocupou en 1984 o cargo de Profesor colaborador no Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e foi profesor colaborador en cursos organizados pola Consellería de Educación. Profesor de xornalismo na Universidade de Santiago dende 1992, coordina o grupo de investigación Novos Medios e dirixe o Observatorio de Ciberxornalismo de Galicia, grupos creados para a investigación na universidade. Coordinador do Informe da Comunicación en Galicia e membro do Plenario no Consello da Cultura Galega, onde dirixiu a sección de Comunicación e ocupou unha vicepresidencia e a secretaría, é autor de diversas obras sobre a prensa galega e o ciberxornalismo.