Proxección da película «Eroski Paraíso» de Jorge Coira
- Data
- Martes, 14 de xaneiro de 2025
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 14 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada n Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a proxección da película «Eroski Paraíso». Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada polo seu director, Jorge Coira.
Eroski Paraíso
Director: Jorge Coira
2019, 75 minutos
Protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, trátase dunha adaptación ao cinema da obra de teatro homónima. Álex regresa a Muros para rodar o seu proxecto final da escola de cine: un documental sobre os seus pais, que se coñeceron na sala de festas Paraíso. Pero Eva e Antonio levan anos separados, a vella discoteca é hoxe un supermercado Eroski e os recordos nunca espertan como unha imaxina.
Jorge Coira, nacido en Rábade (Lugo), rodou as súas primeiras curtametraxes amateurs a finais dos 80 e comezou a súa carreira profesional a finais dos 90. Tras os comezos en curtametraxes como Mofa e Befa en Gran Liquidación e O Matachín, en 2004 estreou a súa primeira longametraxe, O Ano da Carracha. A súa seguinte película, 18 comidas, estreada a finais de 2010, recibiu numerosos premios, sendo seleccionada en máis de 30 festivais internacionais. En 2019 estreou Eroski Paraíso, codirixida con Xesús Ron e en colaboración co grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014); en 2022, Código Emperador, película de inauguración do Festival de Málaga; e, en 2023, a comedia Me he hecho viral, producida por Warner Bros e Atresmedia Cine. Outro dos terreos nos que máis se moveu é o documental, con traballos como Chunda Chunda, Días de Reparto, Torre de Breoghàn ou ¿Qué Culpa Tiene el Tomate?, que foi estreado no MoMA de Nova Iork. Dirixiu series tanto para Galicia (Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares e Luci), como para ámbito nacional (El Comisario, RIS, Pelotas ou Sé quién eres, entre outras). Nos últimos anos dirixiu as dúas temporadas da serie Hierro, que recibiu varios dos premios máis importantes da televisión española, e no ano 2022 Rapa. En 2016 gañou o Goya á mellor Montaxe polo seu traballo en El Desconocido, de Dani de la Torre.