Proxección da película «O lapis do carpinteiro» de Antón Reixa
- Data
- Martes, 21 de xaneiro de 2025
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 21 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela, a proxección da película «O lapis do carpinteiro». Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada polo seu director, Antón Reixa.
O lapis do carpinteiro
Director: Antón Reixa
2003, 106 minutos
Na Galicia de 1936 Daniel Da Barca é un mozo médico e intelectual republicano encarcerado polas súas ideas, mentres a súa moza, Marisa Mallo, filla dun coñecido reaccionario, loita por devolverlle a liberdade, tendo como testemuña a Herbal, un garda que asiste, entre atónito e furioso, ás conversas que manteñen os presos. En plena Guerra Civil, onde moitos presos son fusilados clandestinamente e de manera aleatoria, cando lle chega a quenda a Daniel, Herbal, dominado polo medo, debaterase entre a violencia e a conciencia.
Antón Reixa, renovador da poesía dende os anos 70, destaca tamén como intérprete musical, produtor e creador en varias das linguaxes audiovisuais. Tras cursar o Bacharelato no instituto Labor de Vigo, estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e entrou en contacto coas vangardas literarias. Nun breve período foi profesor de lingua e literatura galegas mais abandonou o traballo docente para profesionalizarse nos eidos da música, da videocreación e do audiovisual, desenvolvendo diversos labores (director, guionista, produtor etc.) e asinando algún dos maiores éxitos do sector no noso idioma. Considerado precursor do movemento bravú, é fundador dos coñecidos grupos Siniestro Total e Os Resentidos. Entre 1987 e 1996 realizou videoclips para Joaquín Sabina, Duncan Dhu, Rosendo, Los Enemigos, Mikel Erentxun, Luz Casal ou Los Secretos, entre outros. Tras producir e presentar na TVG o programa Galicia, Sitio Distinto, en 1998 estreou a serie Mareas vivas, que bateu récords de audiencia ata o seu final en 2002. Un ano máis tarde fundou Portozás Visión, onde produciu O lapis do carpinteiro, o seu proxecto máis ambicioso, e posteriormente dirixiu a longametraxe Hotel Tívoli (2007). Moitos dos seus proxectos como produtor presentáronse baixo o selo de Filmanova e ten producido tamén contidos de entretemento e ficción para televisión como, entre outras obras, Camarón, No sós vós, soy yo, O ano da carracha, Lena, Diario de un skin, Fútbol de alterne ou Tres días de abril. Realizou tamén incursións na radio e nos xornais como editor de páxinas culturais ou columnista, tendo sido presidente da SGAE e obtendo en 2021 a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes do Goberno de España.