Proxección da película «Salta!» de Olga Osorio
- Data
- Martes, 25 de febreiro de 2025
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 25 de febreiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela, a proxección da película «Salta!». Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada pola actriz Mabel Rivera, intérprete dunha das personaxes.
Salta!
Directora: Olga Osorio
2023, 119 minutos
Verán de 1989. Óscar e Teo, de 13 e 10 anos, son dous irmáns, moi distintos entre si, que viven nun modesto piso de barrio. Teo é futboleiro e un pouco trasto, mentres que Óscar prefire pasar as tardes de verán estudando a teoría da relatividade. En realidade, cada un combate á súa maneira a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buracos de gusano.
María Isabel Rivera Torres iníciase no teatro a finais dos anos 70, participando en numerosos espectáculos, ata que se converte en profesional en 1984, ano en que se funda o Centro Dramático Galego, incorporándose a un dos primeiros elencos desta compañía institucional. Protagonista dunha das comedias de maior éxito da TVG, Pratos combinados, o recoñecemento a nivel nacional chegoulle pola súa actuación na oscarizada película Mar Adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, coa que obtivo o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto, o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e unha longa listaxe de recoñecementos, tanto dentro como fóra de España, así como excelentes críticas. Ademais de como actriz, tamén traballou como presentadora, dobradora, tradutora e axudante de dirección. Xunto a Enrique Banet, director de fotografía e realizador de televisión, produce os documentais El Salario del Silencio (2007), sobre a polémica instalación dunha planta de gas de gran capacidade no corazón da Ría de Ferrol, e Unha lousa sobre o Courel (2009), sobre a extracción de pizarra nun dos enclaves máis emblemáticos de Galicia, a Serra do Caurel. É Licenciada en Filoloxía Inglesa, cun posgrao en Arte Dramático, pola Universidade de Santiago de Compostela.