Visita guiada á exposición «Compostela a lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924» na Casa do Cabido
- Data
- Martes, 28 de xaneiro de 2025
- Horario
- 12.00h
- Lugar
- Casa do Cabido

O martes, 28 de xaneiro, ás 12.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita gratuíta á exposición «Compostela a lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924», situada na Casa do Cabido, que estará guiada por un dos seus comisarios, Carlos Castelao.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o xoves, 23 de xaneiro.
Esta exposición, que homenaxea ao fotógrafo Manuel Chicharro e ao seu fillo Luis Chicharro, foi organizada con motivo dun dobre aniversario, xa que se cumpren 175 e 100 anos, respectivamente, do nacemento e falecemento do ilustre fotógrafo Manuel Chicharro Bisi. Grazas ao labor dos comisarios da exposición, o fotohistoriador Carlos Castelao e o profesor Rubén Martínez, que dixitalizaron en alta calidade máis de duascentas placas fotográficas de vidro seleccionadas do Fondo Chicharro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (pertencente ao Fondo Histórico do CSIC), a mostra vehicúlase a través de catro eixos nas diferentes salas da Casa do Cabido: Actos e autoridades, Santiago Intra muros, Santiago Extra muros e Máis alá de Santiago. Esta selección de temáticas e pezas, elixidas grazas a unha pescuda dos comisarios, permite ao visitante mergullarse no percorrido destes ilustres fotógrafos, ao mesmo tempo que se adentra nunhas imaxes que ofrecen tanto elementos de patrimonio desaparecido como detalles históricos nunca vistos.