Diálogo «Castelao. Política no exilio: Nación e Federalismo» con Ramón Villares e Ramón Máiz
- Data
- Luns, 10 de febreiro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas e membros da AFG ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

O luns, 10 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, ten programado na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela un diálogo para conmemorar o Ano Castelao, titulado «Castelao. Política no exilio: Nación e Federalismo», no que participarán Ramón Villares, Catedrático de Historia Contemporánea e profesor emérito da USC, e Ramón Máiz, Catedrático de Ciencia Política da USC e Presidente da Asociación Federalista de Galicia.
Ramón Villares Paz é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dende 1987 e foi Presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. Foi Decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994 e membro fundador e Presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002). Tamén foi Director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, dende 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Pertence a varios padroados de centros e fundacións como o Museo do Pobo Galego, a Fundación Juana de Vega, a Fundación Luís Seoane ou o Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros.
Ramón Máiz Suárez, natural de Tenerife, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor pola mesma universidade (1982), ademais de catedrático en Ciencias Políticas e da Administración da Facultade de Ciencias Políticas, onde foi decano entre 1989 e 1996. Actualmente coordina o Equipo de Investigacións Políticas da USC, que agrupa investigadores e investigadoras que traballan temas moi variados de Ciencia Política como nacionalismo, federalismo, partidos, eleccións, sondaxes de opinión, liderado, marketing e campañas electorais, xénero e política, historia institucional e conceptual. Tamñen é autor de obras de ensaio como O rexionalismo galego: organización e ideoloxía 1886-1907, O sistema político de Galicia. As Institucións, Idea de Nación ou A arte do imposible. Esta última fíxolle gañar en 2010 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.