Visita ao corazón da Ribeira Sacra
- Data
- 21 e 22 de marzo de 2025
- Máis información
Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o venres, 28 de febreiro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.

A fin de semana do 21 e 22 de marzo o Ateneo de Santiago realizará unha viaxe ao corazón da Ribeira Sacra, pernoctando no Mosteiro/Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, que inclúe visitas a mosteiros, igrexas, museos, miradoiros e vila romana, co seguinte itinarario:
VENRES, 21 DE MARZO
8.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago con destino Xunqueira de Ambía.
Xunqueira de Ambía - Mosteiro de Santa María a Real no Val de Allariz á beira do río Arnoia. Divídese en dous corpos, unha gran torre románica e un claustro gótico. A igrexa románica constrúese entre os séculos XII e XVIII, constando de tres naves. Ten relación arquitectónica con Santa María de Augas Santas e coa Catedral de Santiago. No interior destacan os retablos, o sillar do coro e un órgano do s. XVIII. De agosto a setembro, os domingos celébrase o Ciclo de Órgano e Música Antiga na próxima igrexa de Santa Eufemia.
Xunqueira de Espadañedo - Mosteiro da orde do Císter, de Santa María. De orixe medieval, da Alta Idade Media, construíuse no século XII e XIII. Só queda a igrexa, que consta de planta basilical con tres naves en tres ábsidas semicirculares.
14.00h. Xantar

Museo Taller de Olaría de Niñodaguia. Lugar emblemático na execución e mantemento das técnicas dos oleiros, grazas á abundante e peculiar arxila, con alto contido en caolín, do Monte do Barro, en Veigachá. Son os chamados cacharreiros, oleiros, xerrairos e calleiros.
Mosteiro de San Pedro de Rocas, enclavado e rodeado de formacións rochosas. Dende o século X San Pedro de Rocas foi un mosteiro sempre dependente de Celanova, aínda que parte do século XII estivo vinculado co de Santo Estevo de Ribas de Sil. É unha igrexa rupestre que se remata nos séculos XII e XIII. Outra das peculiaridades de San Pedro de Rocas é que conserva no chan da igrexa unha serie de sepulcros antropomorfos. Na actualidade acolle un centro de interpretación da Ribeira Sacra.
Check-in no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil:
Visita á igrexa: de planta basilical, con cabeceira románica con tres ábsidas, inusuais no románico galego, destaca o retablo renacentista da capela, do s. XVI. Nun lateral conta cun retablo pétreo, exemplar único, dos máis antigos de España, con Cristo e os doce apóstolos, de principios do século XIII, con influencias ourensás e compostelás.
Visita ao Mosteiro de Santo Estevo: primitivo monacato, de estilo barroco, foi construído entre os séculos XII e XVIII. Conta con tres claustros: Claustro da Portería, Claustro dos Bispos e Claustro dos Cabaleiros.
Cea e hospedaxe.

SÁBADO, 22 DE MARZO
Almorzo
Santa Cristina de Ribas de Sil - Mosteiro beneditino, xa en desuso, á beira do río Sil. Consérvase un templo romano iniciado no século XII e finalizado no XIII, cunha nave con ábsidas, torre do campanario e dependencias monacais, xunto a outras dependencias arredor dun claustro románico.
Vista panorámica dende o Miradoiro Cabezoás, en Parada de Sil, onde se pode ver o Mosteiro de Santo Estevo. É un dos miradoiros máis altos e fotografados da Ribeira Sacra.
Montederramo - Mosteiro de Santa María, da Orde de San Bieito e do Císter, fundado no século X. Constrúese a finais do século XVI e XVII, estando ocupado ata a desamortización de Mendizábal. Con fachada de estilo herreriano e dous claustros no seu interior, é impoñente e maxestoso, unha auténtica xoia na súa sinxeleza. Unha parte do mosteiro está convertido en vivendas de particulares e foi usado tamén como hórreo para o gran.
14.00h. Xantar

Santa Mariña de Augas Santas - Igrexa románica do século XII-XIII con tres naves e falso triforio. Conta coa torre co reloxo, campanario e torres laterais barrocas do século XVIII. Ten influencias santiaguesas como Xunqueira de Ambía. Xunto á igrexa encóntrase o Pazo de Verán do Bispo, hoxe casa parroquial.
Visita ao Castro de Armeá e Vila Romana, con restos dunha vila galaico-romana, posiblemente foi habitado ata o século IV, con rúas pavimentadas, rede de saneamento, canais de evacuación de auga e casas de dous andares.
Vistas ao Val da Rábeda. O Camiño de Santiago pasa diante dos vestixios e actualmente os restos son parte da ruta arqueolóxica de Augas Santas, coñecida como Roteiro Arqueolóxico do Museo vivo de Armeá.
Regreso a Santiago de Compostela. Chegada aproximada ás 20.30h.

O prezo total aproximado da viaxe é de 200€ por persoa en habitación dobre.
Suplemento habitación individual (suxeito a dispoñibilidade): 65€
Suplemento persoas non socias do Ateneo: 50€
O prezo inclúe:
- Autobús
- 1 noite no Parador de Santo Estevo en habitación dobre, en réxime de aloxamento e almorzo
- 2 comidas e 1 cea en grupo
- Visitas
- Guías
As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o venres, 28 de febreiro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. Aqueles que sexan admitidos deberán ingresar o importe da visita antes do prazo que se lle indique no mail de confirmación.