Conferencia «Paseando Compostela coas súas mulleres» de Encarna Otero

Data
Luns, 10 de marzo de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compostela
Compartir

O luns, 10 de marzo, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia para conmemorar o Día da Muller, titulada «Paseando Compostela coas súas mulleres», que estará impartida por Encarna Otero, Historiadora e escritora.

Encarna Otero Cepeda, Historiadora, escritora e referente do feminismo, é unha testemuña clave da historia contemporánea de Santiago, cidade na que naceu. A súa traxectoria, marcada polo activismo cidadá, estivo sempre ligada á loita polos dereitos das mulleres, traballo que continúa na actualidade coa serie de publicacións Mulleres en Compostela. Dende os 16 anos empezou a militar activamente no nacionalismo galego, exiliándose en 1971 á cidade francesa de Toulouse-Le Mirail, onde estudou a carreira de Historia e participou en movementos antifranquistas. En 1975 graduouse en Historia e, tras a morte de Franco, regresou a Compostela, onde exerceu como docente de Xeografía e Historia no IES Eduardo Pondal, tendo formado parte do Seminario Permanente de Historia de COU. Entre 1999 e 2003 desempeñou o cargo de Vicealcaldesa e Concelleira en Santiago de Compostela, con competencias en temas de xénero, e entre 2005 e 2009 foi Directora Xeral de Obras Públicas e Calidade de Vivenda da Xunta de Galicia. Dende 2004 é membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, tendo colaborado en 2013 no documental sobre as mulleres que traballaron no volframio. Elaborou ou colaborou na edición de varios libros de texto, colabora con artigos sobre a historia das mulleres en publicacións galegas como A Nosa Terra, O Ensino, Andaina ou Festa da Palabra Silenciada, e é autora de varios estudos académicos. En 2002 recibiu en nome da cidade de Santiago o Premio Hábitat de Boas Prácticas outorgado pola ONU, en 2024 foi premiada polo seu activismo a prol do feminismo e a súa acción cultural e compromiso pola igualdade de xénero e en 2025 obtivo o Premio SERenidade de Radio Galicia. Actualmente, continúa traballando activamente en numerosos proxectos e actividades dende diversas asociacións como Proxecto Home, a ONG Mulleres no Desenvolvemento ou o Ateneo de Santiago, onde conta cun programa en Radio Ateneo Podcast no que mostra as súas investigacións sobre as historias de mulleres anónimas do noso ámbito próximo con importantes papeis na historia local compostelá.