Visita guiada á exposición «Mar Caldas: mulleres, traballo e memoria» no Centro Galego de Arte Contemporánea

O martes, 1 de abril, ás 11.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á exposición «Mar Caldas: mulleres, traballo e memoria», situada no Centro Galego de Arte Contemporánea.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o mércores, 26 de marzo.

A obra de Mar Caldas, fundamentalmente fotográfica, renova sempre o seu cariz reivindicativo para atender aos diferentes atrancos que, pola súa condición, atenazan a vida das mulleres. Desta volta, convídanos a un percorrido pola súa obra recente, na que o traballo das mulleres e a denuncia da súa escasa consideración, pasada e presente, ocupan a centralidade do discurso. Coa fotografía como protagonista, desprega un amplo abano de formalizacións: colaxe fotográfica con imaxes apropiadas, series fotográficas de creación propia en grande formato, a imaxe fotográfica proxectada a modo de instalación e como base dunha obra fílmica... e mesmo unha peza fotográfica en formato “tarxeta para levar”. Alén do medio fotográfico, para esta proposta é patente a investigación que a artista leva a cabo noutros eidos como a historia contemporánea, a historia da arte moderna, a socioloxía ou a etnografía. Dun xeito que diriamos poético, Caldas fai un exercicio de arqueoloxía, ao buscar, achar e analizar artefactos xerados mediante a arte académica e a fotografía profesional. Deste xeito, por medio da arte, reconstrúe o contexto en que determinadas pezas da cultura material de Galicia foron realizadas, para desvelar a presenza soterrada das mulleres no rexistro histórico.

Próximos eventos Ver axenda