Conferencia «Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo pintar» de M. Quintana Martelo

Data
Luns, 7 de abril de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O luns, 7 de abril, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia para conmemorar o Día das Artes Galegas, titulada «Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo pintar», que estará impartida por M. Quintana Martelo, pintor e Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes.

Manuel Quintana Martelo, natural de Roxos (Santiago de Compostela), manifestou gran afición polo debuxo e a pintura dende unha idade moi temperá. Tras abandonar os estudos de Electricidade en Vigo, realiza o exame de ingreso na Escola de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona, obtendo a máxima calificación de entre todos os presentados, e comeza os estudos de pintura en 1967 cunha bolsa académica. Posteriormente obtén bolsas para viaxes de estudos que o levan a cidades como París, Ámsterdam ou Londres, onde se achega á arte contemporánea europea, interesándose pola abstracción e descubrindo aos expresionistas abstractos americanos, ao mesmo tempo que estuda aos clásicos. Os anos setenta van marcar fortemente o seu carácter e posicionamento na arte, abrindo un debate persoal coas distintas opcións que desexa experimentar: o expresionismo, a descomposición e o conceptualismo. En 1978 acada a Cátedra de Debuxo no Instituto de Bacharelato Joaquin Rubio i Ors de Sant Boi de Llobregat e en 1979 participa na loita reivindicativa pola necesidade de protección dos artistas, sendo  Vicepresidente da Federación de Artistas Plásticos de Cataluña. A finais de 1981 regresa a Galicia, ocupando a Cátedra de Debuxo do Instituto Arcebispo Xelmírez en Santiago de Compostela, onde conecta de forma inmediata co ambiente artístico galego e está presente nas exposicións que van revolucionar a arte nos anos 80 e que sitúan a Galicia no mapa nacional da arte. Neses anos inicia a súa actividade como gravador e en 1983 comeza unha etapa de ilustrador en revistas como Dorna e Luzes de Galicia e para autores como Rábade Paredes, Villar Janeiro, Luz Fandiño, Alfredo Conde, Salvador García-Bodaño, Luis Mariño ou Albino Mallo. En 1992 trasládase a Nova Iork, onde a figuración se converte nun referente de peso, cuestión que marcará o seu percorrido dende entón ata a actualidade. No ano 2000 entra na Asociación Galega de Artistas Visuais, de onde é presidente ata 2003, en 2010 entra a formar parte da Colección Grandes Pintores Gallegos e en 2012 recibe o Premio de Cultura Galicia en Artes Plásticas. En 2004 entra como Académico de Número na Real Academia Galega de Belas Artes e en 2014 é elixido Presidente, poñendo en marcha o Día das Artes de Galicia.

Próximos eventos Ver axenda