Conferencia «Máis alá do petróleo: o futuro dos combustibles renovables» de Jacobo Porteiro

Data
Luns, 20 de outubro de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Compartir

O luns, 20 de outubro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «Máis alá do petróleo: o futuro dos combustibles renovables», que estará impartida por Jacobo Porteiro, investigador do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas (GTE) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo.

A sociedade actual continúa fortemente dependente do petróleo, unha realidade que entra en conflito cos compromisos globais de loita contra o cambio climático e coa necesidade urxente de avanzar cara a un futuro descarbonizado. Nesta ponencia abordarase o contexto internacional dos acordos climáticos e os obxectivos de neutralidade en carbono, analizando o papel que poden desempeñar os combustibles renovables nesta transición. Presentaranse os principais combustibles alternativos —biocombustibles, hidróxeno verde, biogás, entre outros—, destacando as súas vantaxes e limitacións dende unha perspectiva técnica, ambiental e económica. Finalmente, exporase o impacto que esta transformación enerxética pode ter en sectores estratéxicos de Galicia, como o forestal, o agroalimentario, o naval ou o transporte, e identificaranse as oportunidades que se abren para o desenvolvemento sostible e a innovación no territorio galego.

Jacobo Porteiro Fresco (Vigo, 1976) é catedrático na área de Máquinas e Motores Térmicos na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, onde tamén é investigador principal do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas (GTE) dentro do centro CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais). A súa traxectoria investigadora céntrase na enxeñaría térmica, con especial atención á combustión, á eficiencia enerxética, á modelización CFD (dinámica de fluídos computacional) e ás enerxías renovables. Ten liderado e participado en numerosos proxectos de I+D, incluíndo iniciativas sobre combustibles renovables, redución de emisións e economía circular na industria e no transporte. No eido científico, dirixiu 11 teses de doutoramento e conta cunha ampla produción científica, con máis de 130 publicacións en revistas científicas de alto impacto, recibindo máis de 6.000 citas e un índice h de 37 segundo Google Scholar. Ademais do seu labor investigador, participa activamente na divulgación científica e na transferencia de coñecemento, así como no asesoramento a empresas e institucións públicas en materia de sustentabilidade e transición enerxética. Dende 2014, representa a España no Comité de Combustión da Axencia Internacional da Enerxía (IEA), comité que presidiu nos anos 2017 e 2018. No ámbito da xestión universitaria, foi subdirector da Escola de Enxeñaría Industrial, director do Departamento de Enxeñaría Mecánica (2012-2018), director da Área de Sustentabilidade (2018-2022) e adxunto ao reitor para a sustentabilidade (2022-2024).

Próximos eventos Ver axenda