Presentación do libro «Un Comisario en el Consejo de Europa» de Álvaro Gil-Robles

Data
Martes, 13 de maio de 2025
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O martes, 13 de maio, ás 19.00h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «Un Comisario en el Consejo de Europa» de Álvaro Gil-Robles. No acto participarán:
          Álvaro Gil-Robles, Primeiro Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, autor da obra
          José Luis Carro Fernández-Valmayor, Profesor Emérito de Dereito Administrativo da USC
          Valentín Carrera, escritor e xornalista, membro do Ateneo de Santiago

Un Comisario en el Consejo de Europa é un estudo sobre a orixe, características e natureza xurídica da institución do Comisario para os Dereitos Humanos no seo do Consello de Europa, así como da súa posta en marcha e actuacións máis destacadas, expostas a través da experiencia do autor como primeiro Comisario electo. Abarca dende as actuacións en situacións de urxencia, como a guerra de Chechenia ou os conflitos armados de Xeorgia, Kosovo e outros, e as intervencións de control ordinarias nos países membros do COE, así como a relación institucional con outros organismos, internacionais e en especial coa Unión Europea (Comisión e Parlamento), ou a actividade de promoción dos dereitos humanos a través de diferentes medios. 

Álvaro Gil-Robles licenciouse en Dereito en 1966 pola Universidade Complutense de Madrid e doutorouse en 1973 pola mesma universidade, onde exerceu como profesor de dereito administrativo os anos seguintes. En 1981 redactou o proxecto de lei que regula as competencias do Defensor do Pobo, cargo do que foi o primeiro adxunto entre 1983 e 1985 e no que exerceu entre 1988 e 1993. Exerceu varios cargos en organismos nacionais e internacionais relacionados cos dereitos humanos, tendo sido o primeiro Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa dende o 15 de outubro de 1999 ata o 31 de marzo de 2006. Ten publicados unha grande cantidade de artigos e libros sobre dereitos humanos.

Próximos eventos Ver axenda