Conferencia «Eu cantar, cantar, cantei. As cantareiras e a poesía popular oral» de Malores Villanueva
- Data
- Luns, 12 de maio de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala

O luns, 12 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia para conmemorar o Día das Letras Galegas titulada «Eu cantar, cantar, cantei. As cantareiras e a poesía popular oral», que estará impartida por Malores Villanueva, editora, crítica literaria e Doutora en Filoloxía Galega pola USC.
María Dolores Villanueva Gesteira (A Xesteira, Cotobade, 1982), profesora, editora e crítica literaria, licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Filoloxía Galega, obtendo o Premio Nacional Fin de Carreira, e en Filoloxía Románica, recibindo o Premio Fin de Carreira de Galicia, téndose doutorado en Filoloxía Galega en 2016 coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. Entre 2006 e 2011 foi secretaria dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia e entre 2009 e 2011 impartiu docencia na licenciatura e grao de Filoloxía Galega (USC), tendo sido tamén Professora d'Estudis Gallecs na Universidade de Barcelona. En 2017 comezou a impartir docencia no IES San Tomé de Freixeiro e a partir de 2019 obtivo praza definitiva no IES Álvaro Cunqueiro, ambos os dous en Vigo. Foi Directora de edición e comunicación da Editorial Galaxia e participou como xurado nos Premios da Crítica 2018, no Premio Blanco Amor de novela e no Premio de Relato Breve Nélida Piñon, ademais de coordinar o Premio de narrativa Illa Nova e o Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela. Como investigadora, está especializada en sociolingüística e en historia da lingua, fundamentalmente no período da ditadura franquista. É autora dos libros Lingua en Sociedade, a aldea da Xesteira (2006) e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de investigación e do Premio novos investigadores: Humanidades e ciencias sociais, respectivamente, e ten publicados artigos en volumes colectivos e en revistas especializadas como Grial, A Trabe de Ouro, Estudos de lingüística Galega, Madrygal ou o Boletín da Real Academia Galega. Foi padroeira e secretaria da Fundación Penzol e da Fundación Premios da Crítica e dende 2016 formou parte do Consello Social da Lingua do Concello de Vigo, tendo tamén participado en ProLingua e colaborado externamente no Instituto da Lingua Galega.