Debate sobre «El ruletista» de Mircea Cartarescu

Data
Martes, 17 de xuño de 2025
Horario
17.30h
Lugar
Sala de Actividades do Ateneo de Santiago
Compartir

O martes, 17 de xuño, ás 17.30h no Sala de Actividades do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar a última sesión do Club de Lectura deste curso, onde se comentará a obra El ruletista de Mircea Cartarescu.

El ruletista, novela prohibida durante anos en Romanía polo explícito do seu argumento, narra a improbable historia dun home que nunca tivo sorte, un desarraigado que, sorprendentemente, fai fortuna participando en letais sesións de ruleta rusa. Multitudes enfervorecidas, presas do morbo, gardan cola para participar nas ceremonias de morte e redención en que se converten as súas aparicións e que dan paso á histeria colectiva. Un escritor moribundo que coñeceu ao Ruletista na súa xuventude intenta explicar como ese home insulso remata por converterse nalguén inmortal e aparentemente inexpugnable, cando en realidade nel só existe o máis desesperado espírito de autodestrución. 

Mircea Cartarescu (Bucarest, 1956), Doutor en Literatura Romanesa pola Facultade de Letras da Universidade de Bucarest, está considerado o máis importante escritor romanés da actualidade. Da súa obra poética, que cultivou ao longo da década dos oitenta, destaca El Levante (1990; Premio da Unión de Escritores Romaneses). Deu o salto á narrativa co volume de contos Nostalgia (1993; Premio da Academia Romanesa), que se abre co seu célebre relato «El Ruletista», publicado posteriormente de modo independente en 2010. Seguírono Lulu (1994), novela tortuosa e xenial que indaga no misterio do dobre e que lle valeu o Premio ASPRO; a triloxía Cegador (1996-2007), que supuxo a súa consagración literaria e premios como o Gregor von Rezzori e o Thomas Mann; o libro de contos Las Bellas Extranjeras (2010; Premio Euskadi de Prata de Narrativa); El ojo castaño de nuestro amor, un volume de relatos autobiográficos que permite entender o conxunto da súa obra; e a novela Solenoide (2015), considerada o seu proxecto máis maduro ata a data e incluída na listaxe dos mellores libros do ano pola prensa cultural española e iberoamericana. En 2021 aparece en español Poesía esencial, unha recompilación de poemas seleccionados polo propio autor e escritos durante os seus primeiros anos creativos. En 2018 foi galardoado co prestixioso Premio Formentor das Letras e obtivo galardóns da importancia do Leipzig Book Award for European Understanding, o Premio Gregor von Rezzori, o Premio Thomas Mann, o Premio do Estado Austríaco á Literatura Europea e o Premio FIL de Literatura e Linguas Romances. Os seus textos foron traducidos a máis dunha decena de idiomas e é o autor romanés máis prezado no estranxeiro.