Presentación do libro «A filla de Lucrecia» de Xabier Paz
- Data
- Mércores, 4 de xuño de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 4 de xuño, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «A filla de Lucrecia» de Xabier Paz. No acto participarán:
Xabier Paz, autor da novela
Encarna Otero, Historiadora
José Manuel González Herrán, Vicepresidente do Ateneo de Santiago
A filla de Lucrecia narra a posible historia de Alba, filla de Lucrecia de León (Madrid, 1567), quen deu a luz nos calabozos toledanos da Inquisición. A peripecia de dúas mulleres sinaladas pola xustiza e a loita por sobrevivir nas estremas. A vontade ferreña da nai e as súas habelencias, quer de adiviña quer de parteira, axúdanas a manterse até ser acollidas en casa de dona Elvira, viúva mourisca. Son tempos nos que ferven os cárceres da Inquisición en delincuentes contra a fe, ilustres ou plebeos, homes ou mulleres. Tempos nos que os mouriscos son expulsados e calquera trazo islámico é perseguido. No ambiente de fanatismo católico sucédense os autos de fe en Granada, onde Alba medra entre dous mundos: o cristián na cidade e o mourisco dentro da casa. Ao fin, o deprendido cabo da nai e o seu propio temperamento encarreirarán a súa vida, gobernada polo namoro e a seda, nun finximento social contracorrente.
Xabier Paz (A Coruña, 1949), residente en Vigo, é Doutor en Ciencias Biolóxicas, campo no que traballou dende 1985, exercendo de investigador (biólogo pesqueiro) no Centro Oceanográfico. Foi colaborador do Suplemento das Artes e das Letras do Faro de Vigo e, máis recentemente, das revistas Sobremesa e Viajes de National Geographic, así como da revista galega de pensamento crítico Inzar Razóns.
